Barbantia achega a historia das corporacións coruñesas de 1936

La Voz

BARBANZA

marcos creo

A asociación dedica a súa cita deste mes a Xeración perdida, unha investigación realizada polo grupo Hispona

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Venres • Centro social de Boiro • 20.30 horas • Xeración perdida é o libro que se presentará este venres no marco do acto mensual que organiza a asociación Barbantia. Trátase do resultado unha investigación realizada polo grupo Hispona co fin de recuperar a historia das corporacións municipais da provincia da Coruña que fixeron fronte ao golpe militar de 1936. Tamén pretende ampliar o coñecemento existente sobre os concellos que había naquela época.

O coordinador do equipo de investigación, Emilio Grandío, achegarase a Boiro para poñer de relevo as conclusións máis destacadas do traballo. Tamén intervirán Ánxela Franco, deputada provincial; Xoán Hermida, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de Barbanza; e Pastor Rodríguez, directivo de Barbantia.

O acto coincidirá co lanzamento dun novo número, o 143, do suplemento A voz de Barbantia. Trala presentación do volume terá lugar unha lectura pública de fragmentos da obra de Rosalía de Castro, co fin de conmemorar o día dedicado á autora do Sar.