Multas para disuadir

María Xosé Blanco Giráldez
María Xosé Blanco CARA E CRUZ

BARBANZA

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñezo que de algo serviron as campañas de sensibilización levadas a cabo nos últimos tempos, pois por fortuna vexo a moitas persoas que paran a recoller os excrementos cos que os seus cans van engalanando as rúas. Aínda así, empezo a pensar que, en contra do que ocorre coa natalidade, no caso das mascotas hai unha proliferación desmesurada, pois, pese á imaxe anterior, tamén me vexo obrigada a ir sorteando polas beirarrúas as noxentas cagadas.

E o que me parece máis grave, polas consecuencias que pode ter, é que practicamente ninguén cumpre a normativa vixente no que se refire a levar os animais de razas consideradas perigosas con correas curtas e buceira. Nin sequera os donos destes cans teñen a precaución de manterse afastados de parques e prazas naquelas franxas horarias de maior concorrencia de cativos.

Xa que en boa parte dos concellos se levaron a cabo campañas para concienciar aos donos de animais e o resultado está á vista, quizais chegou o momento de dar o seguinte paso. Quizais non se actúa porque economicamente non resultaría tan rendible como a imposición doutro tipo de multas. Doutro xeito, non tería explicación que as forzas da orde, por poñer un exemplo, dedicasen tantos esforzos a controlar o tempo de estacionamento dos coches nas zonas azuis mentres fan a vista gorda co relativo ao incumprimento da normativa vixente no tocante ás mascotas, cando chega con pasear por determinadas zonas para cazar infractores. E iso a pesar de que a actuación dos donos dos animais pode prexudicar máis cá dos condutores.