Beni Silva: «Este non é o remo romántico de antes»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Advirte que os clubs vascos pegaron un gran salto de nivel e Galicia pode perder o tren para alcanzalos

07 oct 2019 . Actualizado a las 18:39 h.

Beni Silva (Boiro, 1961) é un libro aberto. Permítenllo os centos de regatas disputadas, os milleiros de adestramentos que dirixiu e unha traxectoria de 16 anos coma adestrador. Logo dun verán que valora agridoce, onde Cabo acadou o título galego e a bandeira da Deputación, alerta de que o remo vasco vén dando pasos de xigante e que os equipos galegos deben seguilos para non rematar no ostracismo competitivo.

-Como valora a tempada?

-Estivo dentro do esperado. Sabiamos que a ACT sería complicada. Hai seis equipos que van a full e é moi difícil collelos. Conseguimos o campionato galego e a regata da Deputación contra Ares, que foi un gran rival e que presenta candidatura á Eusko Label Liga. Na Concha sabiamos que a cousa ía ser comme ci, comme ça. Non fixemos unha boa clasificatoria, houbo demasiado nerviosismo. Eu arrisquei moito na nivelación, a traíña corría moito, pero estaba difícil para remar. As condicións do mar non foron boas, estaba moi revolto e fáltanos dar un paso para desenvolvernos ben aí. Este ano fomos pouco a Aguiño.

-Foi un verán atípico?

-Houbo problemas para xuntar todo o equipo e saír todos xuntos ao mar. Entre traballo, conciliación coas familias e lesionados as cousas complicáronse. O balance é bo, pero non rematei contento. Comparado co que fixemos o ano pasado, quedoume unha espiña dentro.

-Aquel equipo foi un espectáculo. Que plan hai para o 2020?

-Volve haber baixas por traballo e familia. Tres ou catro marcharán seguro. Preséntase un ano complicado. A ACT é moi dura, con moitos desprazamentos. Este curso sufrimos moito. Os rapazas pelexaron, pelexaron e pelexaron. Fomos ao límite e iso sobrecarga. Despois veste octavo, noveno, sétimo... Pensas se falla algo, pero non tiñamos mal equipo. Agora toca pensar en que podemos facer para melloralo.

-Cal é súa idea?

-Hai que reforzarse, buscar axuda. Temos rapaces que despuntan por abaixo, pero falta madurez. Toca traballar moito a canteira e de forma intelixente para buscar rapaces con calidades físicas, mentais e antropométricas. O nivel medio é bo, pero non despuntamos. A ACT é outra cousa.

-Cuestión de diñeiro?

-Non é por cartos, pero tamén fan falta. Igual con 3.000 euros fas que algún remeiro dubide entre quedar ou marchar ao País Vasco. É unha axuda, xa que non lle podes pagar 20.000.

-Iso é o que se gaña alá?

-Algúns 15.000, outros 20.000... A iso non podemos chegar, pero creo que hai que darlle unha volta a todo. Ao remo galego escápalle o tren. Este non é o remo romántico de antes. Agora o nivel é moi alto, con patrocinios, axudas económicas, apoios... Xa non é coma antes, cando se xuntaban uns amigos para remar.

-E a transcendencia do remo en Galicia está en crecemento?

-Non sei, pero para conseguir impacto é importante dar algunha sorpresa. Estar na loita pola Bandeira da Concha, meterse na quenda de honra, gañar bandeiras... Iso é importante, pero fai falta repensar todo. Queda remo para moitos anos, non hai que desesperarse, pero toca dar pasos. Pensar unha estratexia a medio prazo para mellorar a formación, buscar rapaces...

-Pagaron cara a marcha de varios remeiros.

-Pero era previsible. Tiñan ofertas moi boas. Nós iamos nun tren estupendo, pero non podo reprocharlles nada, melloraron económica e deportivamente. Custará construír un equipo coma o do 2018, non vai ser nada fácil, pero tentarémolo.

-Seguirá o ano que vén?

-En principio si, pero a ver como fago co traballo. Hai que falalo. Levo 16 anos nisto, máis de 200.000 quilómetros de furgoneta nas costas, e temos que pensar no futuro. É un momento delicado para o club e hai que estar, pero o cansazo acumúlase.

-O proxecto das novas instalacións como vai?

-Din que tardarán un ano, pero por agora non se moveu unha pedra. Sabemos que cando teñamos as instalacións serán un revulsivo, pero polo momento estamos en precario. Non hai espazo e iso é complicado para preparar a temporada.