Unha referente do fútbol feminino

P. Bretal RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

JORGE PARRI

A vimiancesa arrastra unha traxectoria deportiva que comezou sobre o parqué co Fisober para dar o salto ao céspede coas Miúdas e continúa este curso co Bergantiños

16 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Que o fútbol feminino pegou un pulo impresionante nos últimos anos é algo de sobra sabido, pero ás veces esquécese o esforzo que deixaron sobre o céspede algunhas das persoas que fixeron posible avanzar en materia de igualdade no deporte rei. Sen dúbida, Noelia García Costa (Vimianzo, 1994) foi unha delas. A que simbolizou unha peza clave do equipo revelación muradán da pasada tempada, As Miúdas, compite este ano na Liga da Costa tras fichar polo Bergantiños. Non obstante, antes labrouse un camiño que comezou sobre o parqué, a porta pechada.

O seu primeiro contacto co balón foi «no Fisober Fútbol Sala no 2003, alí xoguei dende que tiña 15 anos». Este constituíu a súa base e foi o club onde coñeceu a unha gran compañeira coa que despuntaría logo nas Miúdas, Bárbara Caamaño, que actualmente milita no Arousana. Convencida por unha amiga, picoulle a curiosidade de saltar a un campo máis grande. Así foi como pasou ao fútbol.

«Son dous deportes distintos, tiven que adaptarme, pois estaba acostumada a xogar en espazos reducidos», explicou García, para sinalar que moitos dos conceptos asimilados en fútbol sala poden marcar a diferenza despois.

O que mudou

«Neste momento, o fútbol feminino está en auxe e parece que incluso de moda, pero queda moito por andar», analizou a vimiancesa do escenario actual, lembrando que «hai 15 anos tiñas que buscar xogadoras nunha área bastante grande e iso mudou moito». Cun amplo coñecemento da situación desta disciplina, tanto na Costa da Morta como na zona de Barbanza, Muros e Noia, Noelia García exemplifica esa expansión «nas categorías das máis pequenas. Antes parecía que ver a unha rapaza xogando era algo así como ver a un extraterrestre no campo, e agora vese un salto de calidade importante en cada conxunto».

Deste xeito, a futbolista está convencida de que para que esta boa onda continúe a medrar «a clave está en seguir impulsando este deporte na prensa e entre os patrocinadores», a pesar de que «aínda hai algo desa lacra social de que isto é para nenos. Temos que quitar esa pedra do camiño». Por estes motivos, para ela outro dos factores determinantes da boa saúde da que goza o fútbol feminino foi a creación de categorías intermedias.

A tempada

E no outro gran reto a afrontar, o competitivo, García aínda se está adaptando á muda de liga e coñecendo ben os cambios das rivais, pero ten claro que o Bergantiños tratará de loitar co Racing de Ferrol polo título de campioas.

E cal é o futuro que se marca esta prometedora xogadora? «Espero poder seguir xogando e mellorando todo o que o tempo mo permita», sentenciou sorrindo, coa mente posta en calzar as botas e ir a por todas.

«Aínda hai algo desa lacra social de que isto é só para nenos. Temos que quitar esa pedra do camiño»

«A clave está en seguir impulsando este deporte na prensa e entre os patrocinadores»

Fútbol sala: García deu os seus primeiros toques nesta disciplina co Fisober.

As Miúdas: Da man de Fran Figueroa, despuntou en fútbol 11 co bloque muradán.

Fichaxe polo Bergantiños: Esta tempada, a vimiancesa afronta o reto de competir nunha nova liga.