Papacabichas

XULIO GUTIÉRREZ ROGER

BARBANZA

CEDIDA

As cabichas parecen inofensivas, pero van liberando paseniño todas as substancias tóxicas

27 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que unha cabicha tarda dez anos en degradarse. Sería xenial que se degradase nun tempo tan curto. En serio! Sería xenial... se non fose mentira.

Máis do 80% dunha cabicha é acetato de celulosa, unha substancia que, a pesar do seu nome, non é vexetal senón un derivado do petróleo. Son fibras plásticas moi finas de aspecto algodonoso que reteñen gran parte das substancias tóxicas que se producen durante a combustión da picadura de tabaco.

Despois de seren usadas, as cabichas están impregnadas de alquitrán, nicotina, e outras dúas mil substancias como cadmio, arsénico, tolueno e ácido acético. En síntese: a metade dos produtos da combustión pasan aos pulmóns do fumador e a outra metade queda na cabicha.

As cabichas parecen inofensivas pero os mil millóns de fumadores que hai no mundo producen 15.000 millóns delas cada día. A meirande parte acaba chegando ao mar e, na auga, os procesos de degradación van liberando, paseniño, todas as substancias tóxicas que conteñen. Cada cabicha extermina toda a fauna contida en 10 litros de auga mariña. Por certo, hai xente que fabrica insecticida caseiro a base de cabichas. Non si?

E, que pasa co acetato de celulosa? Acabará desaparecendo despois de dez anos? Hai quen pensa que os plásticos desaparecen cando están reducidos a anacos que, de tan pequenos, son invisibles ao ollo humano. Pero non é así.

De micro a nanoplásticos

Cando os fragmentos teñen o tamaño dun gran de area, constitúen os microplásticos, e cando a fragmentación progresa e as partículas non son visibles máis que ao microscopio, pasan a chamarse nanoplásticos. A medida que se esnaquizan van liberando substancias químicas que ingresan nas cadeas alimentarias onde se producen fenómenos de bioacumulación.

Estes plásticos súmanse a outros que proceden da degradación de obxectos de uso común, como bolsas, botellas e xoguetes. Os micro e nanoplásticos están por todas partes porque foron deseñados e fabricados co propósito da máxima durabilidade posible.

Antes ou despois, estas partículas son inxeridas por animais acuáticos, especialmente polos animais filtradores como o mexillón, que é un gran comedor de microplásticos. Isto non é tan grave no caso dos animais que consuminos eviscerados, pero o mexillón comémolo enteiro, como a vieira, o berberecho e a zamburiña.

Un artigo de agosto de 2018 no Current Environmental Health Reports estimaba que un consumidor habitual de marisco inxire anualmente unhas 11.000 partículas fronte ás 37 que inxire o non consumidor. Tamén alertaba sobre os riscos sobre o ecosistema e sobre a saúde humana, especialmente en relación coa enfermidade cardiovascular, alteracións da resposta inflamatoria, disrupción da flora intestinal e a diabetes tipo 2. Finalmente, demandaba un forte pulo á investigación sobre os efectos dos microplásticos.

En fin. Nos máis de trinta anos que veño falando destas lerias, non observo apenas cambios na opinión pública e publicada. Supoño que esta percepción cambiará dentro dalgunhas décadas e os nosos descendentes alucinarán co xeito de xestionar os refugallos que temos nestes tempos. Como cando hoxe flipamos cos costumes hixiénicos medievais! Non descartaría que no futuro se refiran a nós como «papacabichas».