Paisaxe de outono

laura gutiérrez pelayo

BARBANZA

JESUS SUÁREZ ARES

As cores son froito dunha sensación que fabrica o noso cerebro

25 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A paisaxe muda paseniño co paso das estacións. Nestes días, a exuberancia do verán queda atrás, dando paso a unha vexetación cada vez máis ocre e espida. Mais a cor pódese dicir que non existe como tal. Trátase dunha sensación que fabrica o noso cerebro ao recibir sinais eléctricas procedentes duns receptores que se atopan no fondo dos nosos ollos, na retina. As cores son un produto da nosa mente.

O que fai que vexamos cores é a luz. As ondas luminosas procedentes do sol inundan a superficie do noso planeta. Unha parte desas ondas son absorbidas polos propios obxectos e outras son as que recibimos nas nosas retinas. Esas ondas que nos chegan son as que determinan as cores.

As plantas son verdes porque posúen clorofila. Este pigmento sérvelles para absorber a luz que precisan para realizar a fotosíntese. A clorofila absorbe as radiacións azuis e vermellas, e nela rebotan as verdes. Por iso vémola de cor verde. Durante a primavera e o verán, as plantas aceleran o seu crecemento e acumulan todos os nutrientes que poden mediante a fotosíntese. Por iso, a paisaxe estival e primaveral é tan verde.

No outono, a cor verde da paso ás tonalidades amarelentas e avermelladas. A medida que a clorofila se descompón, fanse visibles outros pigmentos que xa estaban aí, mais eran enmascarados. A luteína, por exemplo, é o pigmento que outorga o ton amarelento ás follas.

O beta-caroteno contribúe ás tonalidades alaranxadas nas follas das árbores. Este pigmento degrádase ao igual que a clorofila, máis faino a un ritmo moito máis lento, permitíndonos ver follas laranxas durante parte do outono.

Concentración de azucres

A medida que a concentración de azucres aumenta nas follas, por esa fotosíntese acelerada a finais do verán, os raios do sol activan a produción de antocianina. A antocianina absorbe todas as ondas luminosas agás as que se corresponden coa cor vermella. Non está moi clara cal é a súa función, máis é probable que sirva para retrasar a caída das follas.

Ao cambio de cor das follas séguelle a súa caída. As follas das árbores caducas caen no outono porque supoñen un gasto de nutrientes mantelas e, ademais, a través delas pérdese moita auga por evaporación.

A caída das follas é un proceso complexo. Algunhas hormonas vexetais, como o etileno ou o ácido abscísico, inducen a formación de células na base de cada folla. Desta forma tapónanse os vasos polos que circula a seiva, encargada de alimentar os tecidos das follas. Así, as follas murchan pouco a pouco ata que acaban por desprenderse.

Algunhas árbores perden as follas cando agroman as novas. Pénsase que así protexen as xemas das inclemencias invernais e dos herbívoros. Outras árbores manteñen as súas follas durante todo o ano. Estas follas perennes presentan un recubrimento céreo que as illa do frío e uns estomas afundidos que minimizan a perda de auga. Nestas árbores, a época de crecemento das follas é tan curta que non lles paga a pena desenvolver follas novas.

Algúns pigmentos vexetais teñen unha importancia engadida. A luteína é un antioxidante moi importante na nosa dieta. Atópase en alimentos como os pementos vermellos, as espinacas e a leituga. A súa carencia relaciónase co desenvolvemento de cataratas.