A memoria das baleas

MARINA LOSADA

BARBANZA

monica ferreiros

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A reloxo parado, fóra xa do tempo de desconto, Amalia cambiou o testamento. O que tiña claro aos sesenta anos, e que ratificou aos oitenta, producíalle nese intre un gran pesadume, unha angustia maior que saber que non volvería ver a súa única filla, Delia, nin a sentir o agarimo das súas mans. Sen rezos que a anestesiasen, que a invalidasen como persoa, concentrouse en acadar a paz que non tiña. Segura do que facía, nomeou herdeira universal unha asociación en defensa das baleas.

Delia, que deixara o seu fogar para coidar a nai, soubo da nova na notaría. Relegada por lei á lexítima, viu con sorpresa como os cartos primeiro, e a venda da casa despois, enchían a conta dos cetáceos. Superada a decepción, pensa no seu propio testamento. Podo incluír nel unha cláusula de non revisión? A lei di que non, a manda debe ser aberta, pero iso é o que quero?

Ter que padecer as soberbias da xuventude lévana a desconfiar de quen vai ser na senectude. Non é agora, na madurez, cando se acada o equilibrio psicolóxico e se afirma a propia identidade? Non é o meu ser verdadeiro este no que me atopo? Debe a lei deixar sen ferramentas a muller que son hoxe?

Buscando entender, abre un caderno con contos escritos por súa nai na pubertade, nos que asinaba como Amalia Melville, apelido do autor de Moby Dick, unha anécdota descoñecida para ela. Na última páxina, unha lista de promesas, na que a nai imaxinaba que o mundo é algo que se pode mellorar.

Delia buscouse dentro de si mesma, sen saber onde quedara a alegría que a vestía o día que depositara unha moeda de cinco pesetas na man dunha pobre. Non puidera mercar a entrada para ver Moby Dick, mais a mirada da muller valera e pena. Anos máis tarde, viu a película co fillo, que no seu aniversario pediu un barco para salvar «peixes». Preguntouse por que non repetira o xesto e tamén en que momento decidiu vivir para ter e non para ser? Que a fixo deixar a súa vida para o final, en lugar de vivila polo camiño?

Como a súa nai deixara dito que non quería flores, colleu os cartos e ingresounos na conta das baleas.