Saúde e retranca

ROMÁN ARÉN

BARBANZA

CEDIDA

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Lixó naceu en Carreira en 1991, estudou no IES Leliadoura e graduouse na USC en Historia con Premio Extraordinario. Acadou o Premio Fin de Carreira da Xunta de Galicia. Preside a A. C. Altofalante entre 2012 e 2016. Gañou varios premios de relato e, con este poemario, recibiu en 2017 o XXX Premio de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Pulo narrativo, saudade da infancia e dun mundo rural en extinción, pero contado cun humor negro, retranqueiro, con imaxes case surrealistas ás veces: «había un cartaz enorme / ‘non te sucides’ // no día dos caranguexos / o meu corpo curvouse / como grinalda de templo antigo», o que non empece para que a soidade agrome: «se tivese cinco minutos para viaxar ao pasado / non iría ver a resurrección de Cristo... // iría ao solar en que se ergue a casa dos meus pais / e vería só campos cultivados // unha paisaxe amarela /...», para rematar o poema cunha cántiga popular: «a Virxe da Guía é loira / ten o cabelo de ouro / e unha cara redonda / e branca coma un pelouro». Pero esta nostalxia do paraíso ten o lado escuro: «agora hai unha rotonda / e chalés que van pasando de moda / e xa non quedan nenos». Malia iso o eu lírico pode aínda dicir Et in Arcadia ego: «a aldea do Vilar / é a única aldea / que mantén forma de aldea... para lembrarlle a alguén / algún día / que por esas corredoiras brincaron nenos libres».

«As casas»

Carlos Lixó

Espiral Maior (A Coruña, 2018)

41 páxinas