Pablo Lijó: «Na casa inculcáronnos o deporte tanto coma os estudos»

ENCARNA PEGO

BARBANZA

ABRALDES

O ribeirense destaca o apoio familiar para desenvolver a súa traxectoriaPablo Lijó Dobre campión de Europa de pádel

28 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando tiña 5 anos, Pablo andaba polos montiños de terra e area dos Areeiros cunha moto de gasolina, herdada duns primos e logo dos seus irmáns maiores, que lle levan 10 e 12 anos, e logo amañada e «tuneada» para el. Estouno a ver cunha cara de susto e gozo ao mesmo tempo, un xesto de serio e concentrado, de responsabilidade e pracer polo risco. Quedei abraiada e convencida de que sería o noso futuro Ángel Nieto.

-Cando empezaches co pádel?

-No Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, fun a moitas competicións de tenis, fun campión galego das categorías de menores, e saín competir fóra de Galicia e de España. Coñecía o pádel, pero foi ao rematar o Bacharelato cando, con 19 anos, me parei a pensar o que facer: se estudar unha carreira ou tratar de vivir do deporte, algo moi complicado; mesmo barallei a posibilidade de marchar para os EE.UU.

Practiquei pádel nas pistas de Puntopelota da Pobra cuns amigos; gustoume, e non se me daba mal. En Caldas había un club que tiña catro pistas, e en Pontevedra algún máis. Empecei a participar no circuíto de Galicia, e vin que no Norte, na zona de Ferrol, xa había moitos xogadores bos, moitas pistas e moitos torneos. No 2018, xa con Maxi, aspiraba a ser unha das oito primeiras parellas, coa axuda do grande adestrador Adrián Caviglia que, desde que cheguei a Madrid, apostou por min. Del aprendino todo, deportiva e psicoloxicamente.

-O pádel non ten moita visibilidade nos medios, non si?

-Cando empecei a competir, no 2014, cheguei a ser número 1 de Galicia, xogaba xa moita xente (é o segundo deporte máis practicado en España despois do fútbol, e o sétimo en licencias federativas); pero si, sae pouco na prensa e nos medios en xeral. É un deporte novo, e está a ter un gran boom, pero hai 15 anos non se coñecía. Agora hai circuíto nacional e internacional, que xa é profesional. Este ano vai como deporte olímpico invitado. Se o tenis xa funciona á perfección, no pádel inda queda moito por facer.

-Cres que xa se pode vivir do pádel?

-Somos uns poucos os que podemos vivir do deporte. Hai unha empresa española que comprou un circuíto profesional e organiza agora os eventos, busca as sedes, os patrocinadores, e nós temos un contrato con eles, segundo as clasificacións e os premios. Garántennos difusión e estabilidade. Nós somos unha marca para eles, un produto. Eu teño unha marca que me dá a pa e algún patrocinio de imaxe, xunto con algún premio máis, que son variables. En Madrid, epicentro de xogadores, adestradores e clubs, adéstrase e compítese ben, amais de intervir no circuíto. Canto máis xogues e ganes, máis te coñecen, e as marcas máis se interesan por ti.

-Cales son os países máis fortes en pádel?

-A día de hoxe, España e Arxentina. Moitos arxentinos que quedaron sen circuíto alí, viñéronse. Algún brasileiro e algún uruguaio foron número 1 do mundo. Hoxe os número 1 do mundo son españois. Agora vaise estendendo máis o campo. Portugal está empezando…; italianos e franceses tamén. Moitos deles veñen adestrar a Madrid. Estase espallando a Europa. En Xapón están moi interesados, e é un gran mercado para as marcas.

-Dirías que o pádel é un fillo do tenis, ou un irmán pequeno?

-Si, ese é o meu caso. Son deportes distintos, técnica, táctica e mentalmente pero, cando os coñeces ben, son deportes moi próximos. En todos os países nos que ten tradición o tenis, vai encaixar o pádel. Nunha pista de tenis fanse tres de pádel, por tamaño. Pode xogarse de noite, con chuvia ou neve. Nos países nórdicos, por exemplo.

-Que fas cando non xogas nin adestras?

-A miña perdición é o motor, as motos e os coches. Non corro rallys porque non podo, pero paso moito tempo no taller dun amigo. Vou ver carreiras, sígoo todo sobre coches e motos. Pero é un deporte caro. Sempre teño algún cacharro antigo que vendo, e compro outro, e así. Na casa inculcáronnos o deporte tanto coma os estudos. A min gustoume máis o deporte. Pero, de sempre, combinamos raquetas e motos. Meus pais teñen moto, meus irmáns fixeron motocrós, por diversión, e un deles agora é mecánico. O tema do motor sempre estivo presente na casa. Tamén o tenis: meus pais inda seguen a xogar. Sempre me apoiaron en todo.

Eu teño que agradecerlles sempre o esforzo de aguantarme e guiarme pola rama deportiva que é moi sa e fortalécete física e mentalmente. Grazas a eles, ao seu consello, e sobre todo ao seu exemplo familiar e humano, estou vivindo do deporte, que é o que me gusta. Arestora, con 28 anos, sen ser unha promesa pero sen chegar a veterano, estou na etapa máis produtiva, de máis estabilidade emocional e técnica. Con todo, cada vez o pádel é máis físico. Antes primaba a técnica e a táctica. Hoxe os xogadores novos empuxan.

Na actualidade, e cara ao futuro, só aspiro a vivir en Gran Canaria e viaxar a Roma. E, no traxecto, talvez gozar da película Inception (Orixe), con Leonardo DiCaprio e Ellen Page.

 Iniciouse xogando ao tenis

Pablo Lijó naceu en Ribeira en 1991, estudou Primaria en Castiñeiras, no Colexio Sagrado Corazón, e a ESO no IES Nº 1 de Ribeira. O Bacharelato faino en Pontevedra, no Centro de Tecnificación deportiva -daquela xa destacaba no tenis-, e nesta cidade fixo logo o Ciclo Superior de Deportes, entrando en contacto co pádel, do que se fixo monitor. No 2014 foise vivir a Madrid, e agora múdase a Canarias, aínda que pasará a maior parte do tempo en Madrid, adestrando e competindo como profesional do pádel.

Sempre gustou moito dos deportes; con 9 anos iniciouse no tenis, que practicaba no pavillón de Sirves. Desde neno xogou ao fútbol cos irmáns, e andou con motos e coches. Non lle gustan os deportes de sacrificio e sufrimento como o atletismo ou a natación. Encántalle perseguir unha pelota -fútbol, squash, béisbol e sobre todo os de raqueta-. Todos teñen unha parte lúdica. Hoxe en día, o seu xogador preferido é Bela; e en tenis, Rafa Nadal.

Máis compromiso

Di que organizarse é normalizarse. Acaba de abrir unha escola en Canarias co seu nome, atendida día a día, pese ao circuíto e aos adestramentos. E cunha volea do revés, o seu golpe preferido, pídelle á Federación Galega algo máis de compromiso e apoio a este deporte en auxe.

Foi xa dobre campión de Europa, no 2017 e 2019. Xogou moitas veces por selección, representando a España, e outras veces Open por parellas. Fixo parella con Maxi Gabriel, unha das mellores dereitas do circuíto WPT. Antes xogou con Jordi Muñoz e logo con Willy Lahoz, gran figura do pádel e un enorme competidor. A miúdo o seu compañeiro era arxentino, brasileiro. No ránking é o número 30, pero por parella o 15. Segundo con que parella se xunte vai estar máis arriba ou máis abaixo no ranking clasificatorio.

O seu soño

Forma parte do combinado nacional, en plena preparación. Coa súa parella, Álvaro Cepera, e os adestradores Adrián Caviglia, Manolo Pérea, Fabio Romojaro e Carlos Guerra. E inda que admite que hai que ser curtopracista, o seu soño é entrar nas oito mellores parellas do ránking do World Padel Tour e poder xogar o Máster Final.

Adora a sinceridade e as centolas regadas con nestea, mentres oe Sultans of swing, de Dire Straits.