Xosefa Sanisidro: «Investir en cultura é saudable, á parte de rendible economicamente»

eme cartea

BARBANZA

ABRALDES

Avoga pola alfabetización dixital para acurtar a brecha xeracional

26 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Falar con Xosefa Sanisidro é sempre un acto de empatía e catarse. A cita é na terraza do Barquiña, no corazón da Pobra, nunha mañá espléndida dun verán enmascarado, pero tranquilo, xa sen a algazara turística estival. Pombas rebuldeiras a pedir esmola, café al dente, amigas comúns que se achegan enfrascadas nas súas belezas, e cunha Fita entre inqueda e ansiosa polas tarefas pendentes ata o final da xornada: Olladas na Rúa V está en marcha. Así que, ao gran!

?Fita, en que medida esta pandemia da covid-19 que nos asedia alterou a vosa programación cultural?

-Debo dicir que nos afectou, pero tampouco demasiado. Salvo algunha anulación de eventos multitudinarios, como Entre Bateas, o Festival Reggie, ou os Campamentos de Verán para nenos de 3 a 6 anos, fomos capeando o temporal, adiando algunhas actividades, readaptando outras (por exemplo, o Cine na Rúa pasou a ser Autocine), pero á fin puidemos manter o groso da programación. Isto fai que agora se nos xunte parte do traballo atrasado, con todo o esforzo que supón ademais activar os protocolos de seguridade: máscaras, distancias, trazabilidade, limitación de asistencia, etc.

?Ata onde pensas que a inversión en cultura é necesaria? Estamos a abordar ben este tema dende os concellos?

-Salvando as diferenzas entre uns concellos e outros, creo que a cultura é un ben básico de consumo. Diría máis: debe ser un dereito básico, equiparable aos restantes dereitos humanos. A nivel europeo, a Axenda Europea para a Cultura, do 2005, establece a necesidade de promoción cultural como un elemento vital da diversidade e diálogo intercultural, amais de catalizador da creatividade, do emprego, da innovación e da competitividade. Así mesmo, reivindica os binomios cultura-benestar e cultura-saúde con efectos terapéuticos. É dicir, a máis cultura, menos sanidade, á parte de que mellora as condicións e a esperanza de vida. Así, investir en cultura é saudable, á parte de, tamén, rendible economicamente. E se pensamos que, segundo o Observatorio da Cultura Galega, o gasto en cultura dos municipios triplica o realizado pola Xunta e é seis veces maior ca o estatal, dá mágoa ver que case o 90 % do presupostado en cultura, na media dos 313 concellos galegos, vaia destinado a orquestras e bombas de palenque. Algo habería que facer.

?Fálame das infraestruturas culturais do concello e das actividades que che son máis queridas.

-Tería que empezar polos meus inicios. Nos oitenta había un só ordenador no Concello. Todo era manual. Había unha única sala nun anexo á casa consistorial, a biblioteca estaba nos baixos do Museo Valle-Inclán -onde se amontoaban restos arqueolóxicos con outros artefactos-, así coma a sala de exposicións. O cine Elma era sala privada e hoxe é municipal... Temos a Casa de Cultura Raquel Fernández Soler, a Casa Mariñeira, o Museo Valle-Inclán e, proximamente, a Casa da Mocidade. E, canto ás actividades, sinto debilidade polo concurso de relatos infantil, xuvenil e adultos, o Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil, contos sobre a reciclaxe, o obradoiro Pintura para Adultos, Olladas na Rúa, o Maio Cultural, a alegría do Entroido, o teatro, a música, etc.

?Turismo e cultura ou cultura e turismo?

-Para España, Galicia e a Pobra, o turismo estamos a ver nesta pandemia que é moi importante dende o punto de vista económico. Pero non é bo que supeditemos a nosa economía ao turismo masivo. Certo é que o turismo cultural crece, pero non tanto. Isto lévanos a concluír que o turismo debería ser un complemento da cultura, non ao revés. Sen patrimonio cultural (material e inmaterial) de noso, o fenómeno turístico tradicional tende a minguar. E fronte ás grandes industrias da cultura a nivel mundial, nós debemos potenciar e ofrecer o noso, «marcas propias», a diferenza, e a grupos máis reducidos e participativos, dadas as circunstancias: paisaxe cultural, natural, culinario, folclórico... Só así imos poder salvar a crise, competir e atraer un turismo culto, interesado nalgo que non sexa sol e praia. Menos é máis.

-Cales son as estratexias a seguir nesta «nova normalidade» ao teu parecer?

-Desta pandemia (inda non superada) aprendemos moito e en pouco tempo. Agora toca exercer a responsabilidade, recuperar a confianza da xente, emocional e psicoloxicamente; protexer o tecido cultural, ofrecer servizos en cooperación con outras administracións e entidades e, especialmente, centrarnos nos contidos dixitais. A Administración está dixitalizada. No ámbito da escola, vai ser unha realidade a docencia por Internet. E no laboral, o traballo online está aí. Por iso imponse a alfabetización dixital, dispor das ferramentas precisas: aparellos e formación adecuada. Así, a brecha xeracional acurtaríase algo. A democratización da cultura esíxenos actuar. Foi a primeira en caer e vai ser a última en erguerse, se non o evitamos. Cancelemos festas, pero non as actividades culturais seguras. E invistamos en medios e persoal. Fagamos do vicio virtude.

Do xornalismo ao concello

Xosefa Sanisidro Caamaño nace na Pobra un 1 de xaneiro, coa axuda de Ramonita, a comadroa, nun parto complicado. A vida entón discorría na rúa, no Cantón da Leña, con chan de terra, á sombra da Torre Bermúdez, entre xogos grupais e presenciais, hoxe en día case esquecidos.

Estuda dous anos no colexio ourensán La Purísima e logo no colexio La Milagrosa de Oleiros, para pasar ao IES nº 1 de Ribeira. Marcha facer Ciencias da Información e Publicidade a Bellaterra (UAB), na que, despois do primeiro mes, a lingua vehicular é o catalán. Ten como profesora a Margarita Ledo, a Ramón Gubert... Na mesma universidade efectúa prácticas de radio e televisión (produción, realización, guión...). Realiza, cunha compañeira, un programa de radio local, segue a súa formación nos informativos de Radio Nacional de España, Paseo de Gracia, onde leva tamén as noticias referentes a Galicia, así como para Radio Nacional de España para o Exterior.

Traballa no programa Casamayor, de Xavier Sardá, nos estudios de RNE, no programa De festa en festa, e en La noche de los maniáticos, presentado por Joan Grau. En Radio 5, colaborou con Fèlix Monclús nun programa de actualidade e entrevistas.

Curso de cine

Despois de dez anos en Cataluña, pasa dous anos en Euskadi realizando un curso de cine: cámara, montaxe, guións... Tamén fixo prácticas en La Voz de Galicia-Barbanza, con Ana Liste de delegada. Finalmente, arriba na Pobra do Caramiñal, no 1994, para traballar en Cultura, cos sucesivos responsables.

A súa formación abarca diversos cursos nos máis variados temas: Protocolo, informática, monitora de tempo libre... Hoxe, cóbado con cóbado con Patricia Lojo, Fita é corresponsable da política do tecido cultural do Concello; unha sorte de factótum que se move en diversas frontes, tanto organizativas coma de xestión, planificación e execución, en contacto directo co rico e variado ecosistema cultural do concello da Pobra. Todo, coa finalidade de ofrecer, dende a Consellería de Cultura, o máximo de oferta e servizos en forma de actividades culturais e de participación cidadá: en artes plásticas, escénicas, audiovisuais, artes aplicadas ou en lecer.