Francisca Rey Martínez, unha Dama do Teatro: «Actuar sempre foi algo totalmente desinteresado para min»

ENCARNA PEGO

BARBANZA

abraldes

É unha das actrices máis premiadas do Grupo de Teatro de Ribeira

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe queremos destacar o traballo que leva facendo o Grupo Municipal de Teatro de Ribeira desde a súa formación, hai uns 25 anos, baixo a dirección de Segundo Durán, Chiqui, e especialmente convidamos a unha das súas actrices máis veteranas e premiadas, Francisca Rey Martínez. Unha muller que pasou a dureza da Guerra Civil e da posguerra, e que logo de traballar duro aquí e no estranxeiro, leva moitos anos gozando do teatro -a súa gran paixón, xunto coa poesía-, e agasallándonos con interpretacións maxistrais, polo cal podemos dicir que é «unha Dama do Teatro».

-Francisca, fálanos dos teus inicios teatrais.

-Eu sempre fun moi activa. E cando se formou o Grupo de Teatro da Terceira Idade, alá polo 1995, fun das primeiras en apuntarme. Gustábame ser puntual nos ensaios e levaba todo o papel aprendido coma unha profesional. Amaba e vivía por e para a arte da escena, con moitísima dedicación. Logo, fusionáronse este grupo e o dos máis novos, que botaba a andar, o que nos permitiu ampliar rexistros e obras a todo o grupo.

-Como vivías o teatro por dentro?

-Actuar sempre foi algo totalmente desinteresado para min. Notaba que me entregaba en corpo e alma ao público presente, sen máis premio ca o aplauso entusiasta. Moverme, mirar, quedar en silencio -algo moi importante e difícil de conseguir no escenario- sempre o tiven presente; e iso creo que non se aprende, iso é un don co que nacemos. As musas do teatro escolléronme para acompañarme na comedia ou no drama.

-Representaches moitas obras?

-Co grupo participamos en numerosas representacións, recollidas na prensa, entre as cales podo citar algunhas: O enfermo imaxinario, A voda de Esganarello, Recital antolóxico de Lorca, O velorio, O achado do castro... E recordo con cariño Sicutry, de protagonista, a vida dunha prostituta que, co paso do tempo, se dá conta do seu deterioro físico e poder seguir obtendo os favores que a xuventude me regalara sendo, ao mesmo tempo, cantante dun cabaré. Por nosotras, animada compañeira de xogos e andanzas dun grupo de amigas comprometidas sempre en ver o lado positivo da vida. A barca sen pescador: aquí, o meu papel era o dunha nai que loita por equilibrar o mundo da súa filla, cando o seu home é asasinado. Cousas, de Castelao. Pero de todas elas, talvez a que máis éxito lle reportou ao grupo foi La casa de Bernarda Alba, representada por todas partes, onde eu facía de nai desmemoriada e desorientada dunha Bernarda amargada e tirana. Con este papel conseguín un premio nun festival madrileño, en Rivas-VaciaMadrid, e recoñecementos en varias cidades españolas. Ademais, participamos no certame do Centro Calvo Sotelo da Coruña, fixemos varias representación en Adeje (Canarias), coa Antoloxía de Lorca e Sicutry, e noutros lugares de España e Galicia.

-Como levas iso do éxito?

-Recordo as palabras de Chiqui Durán. Dicía que triunfar no mundo do teatro, en contra do que moitos pensan, non é exactamente o éxito. Alguén que triunfa plenamente e se sente recompensado polo resultado do seu traballo é quen dorme cada día coa satisfacción de ter dado o mellor de si mesmo. E logo, a maiores, vai a valoración que se fai desde o patio de butacas. Esa sempre será a recompensa que, quen triúnfe, leve á casa. E a min non me gusta presumir; debemos levalo con humildade publicamente, inda que nos esmeremos en facelo o mellor posible encima das táboas. Ademais, non hai papeis insignificantes nin grandes senón actores e actrices capaces ou incapaces. E moito traballo e ilusión.

Se é unha sorte ter tan cerca de nós a Francisca gozando dos seus traballos dentro do Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, non é menos certo que o mundo perde a oportunidade de ter una figura que sería internacional, se esta cidade fose Hollywood.

-E que tal o traballo do grupo?

-Xustamente La casa de Bernarda Alba regaloulle ao mundo a ocasión de coñecer a valía do grupo que encerra moito máis do que se aprecia desde a butaca dun teatro, e deulle tamén a oportunidade de recompensar publicamente o traballo de todas as actrices da compañía, agasallando cos dous únicos premios reservados aos papeis femininos no Festival Nacional de Teatro Aficionado do municipio antes mencionado, de Rivas-Vaciamadrid, as Franciscas da compañía… Francisca Rey (mellor actriz de reparto) e Kica Fernández (mellor actriz protagonista). Destacar a gran actuación de Gloria Lijó no papel de Bernarda.

Como afeccionados ao teatro de calidade, non temos palabras para agradecer o traballo deste grupo, e especialmente para definir a Francisca cando coa convivencia e co cariño se converte en, case, imprescindible na vida de alguén. E o grupo de teatro de Ribeira é un envoltorio de imprescindibles para o cal, Francisca é moito máis ca iso. Porque ela mesma é teatro. Iso dicímolo nós.

O noso agradecemento a Francisca polos marabillosos momentos que nos ten feito pasar! Un aplauso unánime e interminable!

Unha muller de bandeira

Francisca Rey Martínez naceu no lugar de Martín (Ribeira) o 13 de setembro de 1930. Pacucha foi a segunda de cinco irmáns. Asistiu á escola de Martín uns meses e xa lle atendía o caldo ao lume á mestra. Eran anos moi duros para todos os nenos e nenas, que tiñan que traballar na súa casa coidando dos irmáns, e fóra. Cando podía xogaba ás casiñas ou a xogos tradicionais na praia da Area Secada. Viviu coa súa madriña na Ameixida, e con ela foi para Vilanova traballar a unha casa de labranza que tiña carnicería. Nesa época mandáballe á súa nai o que podía polo vapor. E con 11 ou 12 anos traballaba en casas en Vigo.

Alí coñeceu a dona Clotilde, «a madame», modista e representante dunha casa de modas, que dirixía un taller de costura para a xente rica de Vigo e de Portugal.

Na cidade viguesa facía os labores e de señorita de compañía, acompañando a xefa a Madrid, Lisboa, París... moitos anos. Lémbraa con moito cariño: tratouna ben e abriulle as portas a un mundo ao que ela non podería ter accedido doutro xeito. Emigrou despois a Manchester, logo a Liverpool e a Londres, volvendo a Vigo, onde naceron os seus dous fillos.

Volta a Ribeira

En 1977 veuse para Ribeira, onde traballou no hotel Moderno mentres a saúde llo permitiu. Para recuperarse, foi á Coruña facer rehabilitación e, xa de novo en Ribeira, fíxose seareira do ximnasio Sandá, con xente da terceira idade. Pasábano moi ben, non faltaba un día. Foi aos talleres de memoria, pintura, poesía e a toda oferta cultural do Concello. E o que lle queda!

Axudou a criar as tres netas que ten, as que adora, e que, xunto co grupo de teatro, representaron a etapa máis feliz da súa vida. Agora, cumpridos os 90, agarda o primeiro bisneto.

Ben vestida

Francisca tiña corazón de cidade, a aldea non lle era compatible coas súas actividades. Sempre se foi adaptando aos novos tempos. Cando saía, gustaba de verse ben arranxada, mesmo para facer os recados cotiáns. Vestida de cores, o loito gardábao para si, como seguramente outras moitas cousas.

De cabeza e espírito segue a ser nova. Loitadora, agarimosa, simpática... coinciden todos os que a trataron e tratan. Unha muller de bandeira, cun corazón máis grande ca ela; un ser irrepetible!