A luz que amence do escuro

EME CARTEA

BARBANZA

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Licenciada en Belas Artes, membro do Taller Experimental de Gráfica, do Colectivo Graph, Adogi, Cialec, Arga e ACE.

Artista meticulosa da estampa en cobre e zinc, procedemento de método directo, gravado en oco, a máis antiga de todas as técnicas de medio ton, mezzotinta/o, á maneira negra... Da acromía á policromía, amplitude na gama de tons, dende o negro intenso e baleiro á pureza exultante do branco estrelado, que definen a obra puída.

Unha estética do sublime, fotográfica, de medios tons esvaídos, suaves e aveludados. O poder da beleza visual e da linguaxe gráfica con efectos plásticos de luxosa calidade. Método subtractivo, do escuro á luz, que acelera o contraste tonal e disipa as fronteiras entre o ton e a profundidade. Refinamento e matiz na escala de grises, e en cor, eis a cuestión.

Tematicamente, un busto semiespido dunha muller sedente/xacente, en escorzo, durmida, cunha bolboreta pousada no peito. Polo título sabemos que é Afrodita, a deusa da beleza, do amor non romántico e da sexualidade na mitoloxía grega, isto é, a Venus dos romanos.

Simbolicamente lévanos a pensar que esta deusa-muller, «saída da espuma», está a ter un soño erótico, á maneira do Pesadelo de Henri Fuseli, imaxe de gran forza plástica, irracional, na que un íncubo seduce e posúe a bela durminte pousado sobre o seu ventre, estereotipo común do folclore tradicional.

Íncubo maléfico

Pero en Yolanda, ese íncubo maléfico devén bolboreta, o que se presta a múltiples interpretacións. A bolboreta, igual que Afrodita, nace núbil e fermosa. E, asociada á mitoloxía e á relixión, é emblema de alegría, espírito de perfección, inmortalidade, renacemento e transcendencia. Soñar con elas é sinal de cambio inminente, pero tamén necesidade de atención e cariño.

Afrodita e a choruma representan a forza luminosa do amor en liberdade. É isto o que reivindica Yolanda? De Safo ao mito de Lilit, símbolo hebraico de igualdade e independencia fronte ao home, e a primeira dona libre da historia, femme fatale por excelencia, rebelde e dona de si, e antítese da muller submisa da tradición xudiocristiá.

Xusto a muller temida que reclaman os movementos sufraxistas na súa loita pola súa emancipación. O feminismo como forza creadora e de transformación total.

Malos soños

Ambivalencia pasional da arte entre a virtude e o pracer. Un pathos entre o subxectivismo irreal e o surrealismo da imaxe. Para Freud, os (malos) soños carrexan os desexos reprimidos da vixilia e abren unha ventá aos nosos abismos inconscientes. Ventás que para Borges son «gretas do inferno», pero que para a psicanálise son a vía directa á libido, ese oculto poder...! E Afrodita-papoula é a gran musa que esixe amar e ser amada, de ti a ti, en corpo e alma.

Borges e Nabokov citan a fábula de Chuang-Tzu -sabio chinés do 300 a. C.-: «Chuang-Tzu soñou que era unha bolboreta. Ao espertar ignoraba se era Chuang-Tzu que soñara que era unha bolboreta ou unha bolboreta que agora soñaba que era Chuang-Tzu».

Somos os soños que nos quedan, Yolanda!