Sebastián Paz: «Hai que aproveitar a inspiración, sexa a composición que sexa»

PILAR SAMPEDRO

BARBANZA

ABRALDES

Neto de Felipe Paz Carbajal, está recompilando a obra do seu avó

01 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sebastián Paz procede dunha larga saga de músicos que comeza co seu avó, Felipe Paz Carbajal, un gran compositor. Así que, Sebastián vive un ambiente de músicos no que tamén seu pai e seus tíos se dedicaron á música como directores de orquestra, organistas e directores de coros. O seu pai ensinoulles -a seus irmáns e a el? solfexo, violín, batería, contrabaixo, acordeón, etcétera. Sebastián examínase de solfexo na Coruña e fixo os seus estudos de conservatorio en Santiago de Compostela e, posteriormente, en Madrid.

-Traballaches como profesor, de diferentes materias, pero remataches impartindo música. Foi esa sempre a túa vocación?

-Sempre pensei que o meu interese pola música me viña a través dos xenes familiares e o empeño que puxo meu pai en ensinárnola. E si, sempre tiven esa querenza pola música; cando podes xuntar a profesión, as horas de traballo e as obrigas con aquilo que máis che gusta estás máis preto de ser feliz. Rematei dando clases de música a nenos de tres ata doce anos no colexio Amador de los Ríos en Madrid, unha experiencia moi interesante.

-Que consideras que se debe ter en conta cando se lles ensina música á rapazada?

-Penso que os nenos teñen que ter coñecementos dos conceptos fundamentais da música, dende ben pequenos. Un coñecemento básico de solfexo, expresión corporal, ritmo, educación auditiva, e tamén o dominio dos instrumentos, e algo de música tradicional e clásica.

-Despois de traballar bastantes anos en Galicia desprazácheste a Madrid onde continúas a vivir. Como se pode compaxinar o tempo entre esa gran cidade e a vila de Noia, a cal que sei que adoras?

-Aínda que nunca me esquecín de Noia, decidín irme para Madrid porque alí tiña un bo campo para a cultura musical; podía asistir a óperas, zarzuelas, concertos de orquestras e corais con moita máis facilidade. E non só asistir senón tamén participar pois, precisamente, cantei na coral Colegio de Doctores y Licenciados de Madrid; alí, baixo a batuta do director Joan Vida Romeu, cantaron dúas composicións miñas: O salutaris e unha Avemaría, nunha actuación televisada.

-Es un compositor dunha ampla obra musical que se dirixe a diferentes campos: pezas para bandas, para piano, para canto e piano, para masas corais, música relixiosa... Cal prefires? Ten cada unha o seu momento? Que require cada unha delas?

-Entre as miñas composicións prefiro as realizadas para masas corais, tanto profanas coma relixiosas. A inspiración das composicións vai xurdindo sen ter o seu momento preciso, e hai que aproveitar a inspiración, sexa a composición que sexa.

-Profesor de profesión, pero músico e poeta de vocación, é así? Como foi iso de botarte a escribir versos para a rapazada?

-No referente á miña actividade literaria, no tocante á poesía, deime conta de que aos nenos lles facían falla libros de poesía exclusivamente para eles; así que escribín varios libros en galego e dous en castelán. Na poesía, os nenos e nenas van descubrindo multitude de aprendizaxes que son necesarias, tamén en relación coa música. Influíume, así mesmo, Avilés de Taramancos, pois paseille algúns dos meus poemas e animoume a escribir para a infancia.

En min deixara unha fonda pegada o profesor José Fernández da Ponte, e sempre pensei que a poesía era un magnífico vehículo para espertar a sensibilidade dos pequenos e pequenas e exercitar a lectura e a memorización. O primeiro libro, Versos para ler na escola, foi o libro que me animou a seguir escribindo poesía. Coa axuda importante da mestra Pili Sampedro, os nenos de cinco e seis anos da escola de Outes puxéronlle unhas ilustracións moi sinxelas e inxenuas, tal como corresponde a esta obra. Iso fixo que tivese máis valor, e unha nova interpretación dos poemas. É moi interesante ver a expresión plástica ao lado da poética, unha suma que posibilitará máis interpretacións porque os lectores van lendo os versos e mirando as imaxes; de aí que os libros infantís vaian sempre acompañados de moitas ilustracións. Iso, ao neno, faille mais amena a lectura.

-Ademais de realizar a túa obra, tanto musical coma literaria, nestes últimos anos estiveches investigando sobre teu avó, o músico: Felipe Paz Carbajal.

-Si, levo vinte anos buscando as súas obras para rescatalas, compilalas e dalas a coñecer. Atopei máis de duascentas partituras, contactei con diferentes musicólogos e mergulleime en arquivos para salvar a súa obra, porque estaba moi espallada. El quería, máis ca nada, que as súas pezas fosen interpretadas e escoitadas, por iso lles entregaba as partituras orixinais aos integrantes de bandas e outras agrupacións para que as incluísen nos seus repertorios. Agora, un século despois, conseguín reunilas, aínda que non se pode dar por pechada a investigación. Agardo que alguén a poida continuar... Eu cumprín a encomenda que me fixo meu pai.

-Moitas grazas polo teu tempo.

Un recoñecido artista

Sebastián Paz é de Noia, aínda que resida a maior parte do tempo en Madrid. Foi mestre. Aprobadas as oposicións, traballou en Escavia (Lousame), en Aríns (Santiago), en Fabero del Bierzo (León), en Esteiro e n´A Barquiña onde foi nomeado director do novo colexio A. Rodríguez Cadarso. Posteriormente trasládase a Móstoles e remata traballando en Madrid, no Amador de los Ríos, como profesor de música.

Sebastián Paz é moi coñecido, e recoñecido, polas súas facetas artísticas, tanto no eido da música como no da literatura infantil. Estudou piano e violín e tamén Harmonía no Conservatorio de Santiago de Compostela e, posteriormente, Composición no Conservatorio de Alcorcón. O seu instrumento preferido é o violín que tocou co seu pai, Sebastián Paz Ortiz, que foi organista de Noia.

Saga de músicos

Pertence a unha saga de músicos noieses, os Paz, que comeza co seu avó, o prestixioso compositor Felipe Paz Carbajal (director da Banda Popular de Pontevedra, organista da catedral de Santiago, compositor de múltiples pezas polas que recibiu diversos premios) que dá nome ao Conservatorio de Noia.

Destacan, entre as súas composicións musicais, as escritas para banda (A barquiña, Danza, Rosiña, Muiñeira...), para piano (Valses, Danzas, Marchas), as pezas para canto e piano (A andoriña, A abelliña e maila flor...), composicións para masas corais (a catro voces para coro mixto: Biquei unha flor -habanera-, Pola primavera, Tiña medo de vogar, Horario río, Hora contento, Vinte unha crara noite, A ría de Noia, A probiña que está xorda, Cae a chuvia lixeira, En percura de ti), música relixiosa (Composicións a dúas, tres e catro voces: misas -unha en galego a dúas voces-, destacando en latín unha Ave María e O salutaris), panxoliñas -Vinde xa pastorciños, Cantádelle baixiño-.

Obra literaria

Sebastián Paz, ademais de compoñer música, escribe poesía e contos para a infancia. Conta con varios libros publicados en galego: Versos para ler na escola, Remuíños, Contos de encantamentos, e anda ás voltas co poemario Aloumiños arrumacos, que pronto verá a luz.

Outra faceta a destacar deste noiés é o seu traballo de localización e compilación das composicións do seu avó.