Valentín González Formoso: «Barbanza está dotada dun servizo de emerxencias moi competente»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Defende a xestión pública dos parques de bombeiros coruñeses

15 may 2021 . Actualizado a las 20:00 h.

O presidente da Deputación e do Consorcio Provincial contra Incendios, Valentín González Formoso, non quixo deixar pasar a oportunidade de visitar o parque de bombeiros de Boiro aproveitando o seu paso por Barbanza para felicitar aos seus profesionais pola actuación no incendio de Jealsa. Despois de percorrer as instalacións da fábrica e comprobar de primeira man os danos, reuniuse cos profesionais, tanto de Boiro como de Ribeira, que participaron na extinción do lume no Bodión e recolleu algunhas das súas reivindicacións.

-A rápida intervención dos bombeiros do Consorcio foi transcendental no lume de Jealsa...

-Si. Ter unha rede presencial de parques de bombeiros fisicamente tan próxima aos principais núcleos de poboación foi unha aposta no seu día que era imprescindible. Cando ocorre unha desgraza que pode ser tan estratéxica, porque tamén hai desgrazas estratéxicas e esta era unha delas, agradécese moito ter un parque de bombeiros provincial.

-Os profesionais dos parques de Barbanza aproveitaron para facerlle chegar algunha das súas reivindicacións, como unha maior dotación de persoal.

-No Consorcio partimos dunha situación convulsa e moi conflitiva na que os parques estaban xestionados por empresas privadas e o que buscaban era un beneficio empresarial, non tanto priorizar un servizo ben prestado de extinción de incendios. Fomos capaces, da man dos representantes dos traballadores e as Administracións que forman parte do Consorcio, de cambiar o modelo. Non resultou doado e foi un movemento precursor en Galicia volver xestionar os parques desde o ámbito público. O segundo logro estivo en mellorar a situación retributiva dos membros do servizo de extinción, o cal era unha reclamación importante. Ese paso tan atrevido supón tamén que, de repente, temos que xestionar 180 efectivos coa mesma estrutura administrativa que tiñamos no Consorcio cando case non había empregados. Polo tanto, estamos nun proceso de reformulación, de adaptación a esta nova realidade.

-Cal é o principal cambio da xestión directa dos parques por parte da Administración?

-Fundamentalmente, o ambiente dentro do Consorcio Provincial. Era unha vella reivindicación por unha situación que non se daba en España. Era unha situación na que o interese público se poñía por detrás do privado e que nos obcecamos en resolver, e teño que agradecer o importante papel que xogaron os representantes dos traballadores.

-No incendio de Jealsa vimos tamén a bombeiros de Santiago, como se articula esa colaboración? Existen convenios?

-Estamos no proceso de comarcalización do parque de bombeiros de Santiago para cubrir certas zonas de sombra entre Barbanza e Compostela. O que non ten sentido é andar construíndo parques de bombeiros cando xa hai un montado e é un proceso no que xa se está co Concello de Santiago e coa Xunta. O difícil aquí é xestionar a burocracia que conleva un proceso deste tipo.

-No que respecta a Barbanza, tamén se ten falado da equiparación do subparque de bombeiros de Ribeira, está previsto algún cambio nese sentido?

-Os parques de Ribeira e Boiro teñen unha dinámica de colaboración que permite considerar que Barbanza está dotada dun servizo de emerxencias moi competente e moi competitivo.

-Cales son os retos que se marca o Consorcio de cara ao futuro?

-Primeiramente, resolver a cuestión laboral dos seus integrantes definitivamente porque creo que é imprescindible que teñan estabilidade. E por outra parte, de forma coordinada coas Administracións implicadas, facer un chamamento ás forzas políticas para que sexan quen de realizar unha modificación da Lei de Emerxencias de Galicia para que de verdade haxa unha coordinación dos distintos servizos.

-Modificala en que sentido?

-No deseño das emerxencias ten que haber unha reflexión profunda. Dáse unha convivencia, e ás veces solapamento, nunha mesma zona de catro forzas de extinción cun nivel de preparación moi dispar e que dependen de catro Administracións distintas. É precisa unha Lei de Emerxencias que permita que haxa un mando único e unha racionalización de todos os medios buscando a optimización do servizo.