Juan Carlos Brión: «O traballo diario dun deportista de certo nivel ten que ser moito»

encarna pego

BARBANZA

A Brión gústalle axudar a xente a cumprir os seus obxectivosJuan Carlos Brión Adestrador persoal de natación, tríatlon, ciclismo?

26 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Convidamos hoxe un home que vive por e para o deporte quen, durante 25 anos, fixo da nada o Club Natación Ribeira, un orgullo para moitos que nunca viramos preto unha piscina. Juan Carlos Brión non concibe un día sen deporte e salienta os valores que inculca a práctica deportiva: compromiso, responsabilidade, disciplina, amizade. Hai pouco, ademais do título de adestrador de ciclismo nacional, sacou o de adestrador persoal e un máster en preparación física. Entre os seus seareiros cóntanse, sobre todo, opositores e persoas que buscan mellor calidade de vida. Gústalle axudar a xente a cumprir os seus obxectivos.

Como chegaches a adestrador de natación?

—Ao programar as actividades da piscina, os cursos de natación para escolares, etc., fun vendo a rapazada que máis destacaba e creei a escola de natación. Federamos este grupo, por aquel entón 22 alumnos. Logo, xunto cos pais/nais, creamos o club, requisito imprescindible para participar en competicións. Aquela xeración fixo medrar moito o club e axiña obtivemos bos resultados. A ilusión e os obxectivos poñíanos os deportistas; eu só lles axudaba a conseguilos indicándolles o camiño axeitado, algo non sempre doado. Hai que renunciar a moitas cousas para lograr boas marcas, mais a consecución é realmente gratificante. Este traballo fai a persoa forte para toda a vida.

Acadastes pronto a División de Honra?

—Participamos na Liga Galega de Natación, empezando pola Terceira División, logo a Segunda, ascenso á Primeira e, por fin, a División de Honra cando, ademais da calidade, tiñamos un número axeitado de nadadores/as para afrontar esa competición. Manterse era moi complicado, xa que había equipos como Natación Coruña, Galaico, Náutico Vigo, Pabellón Ourense, Marina Ferrol etc. Un ano subiamos e ao outro viña o descenso, pero chegamos a meternos nunha fase final en División de Honra; é dicir, que loitamos por ser campións de liga, rematando terceiros nesa tempada. Sempre fomos un equipo moi unido, e tiñamos como bandeira a unión por riba de intereses persoais e o respecto polos compañeiros e os clubs rivais.

—E vivistes moitos éxitos en campionatos galegos e de España?

—Tivemos moitos campións galegos en todas as categorías. Os primeiros en acadar unha medalla absoluta foron Álvaro Reiriz e Uxía Muñiz, que tamén serían os primeiros en obtelas en campionatos de España: Álvaro Reiriz, 1998 en Huesca; e Uxía Muñiz, en Xixón, en 1999. Xa logo seriamos habituais en encontros nacionais e no medalleiro, cunha ampla representación na selección galega, onde chegamos a ter nunha convocatoria sete deportistas, daquela o club con maior representación. Tivemos tamén moitos convocados para a selección española.

Que tal vos foi nas travesías e campionatos en augas abertas?

—É unha das miñas paixóns, as travesías, as augas abertas. Puiden organizar esa proba na nosa cidade (I Travesía nado Praia de Coroso), que dende 1994 ata 2018 non perdeu unha edición e, o máis bonito, estar presente en todas como responsable da organización, mesmo o ano do meu transplante de medula. Ribeira ostenta varios campións galegos nesta disciplina. Iván Brión é o que máis títulos ten (tamén campión de Europa no relevo coa Federación Española, e medalla en Mármaris-Turquía), así como Adrián Basoco, entre outros; ou Ana Parada en categoría feminina, amais de María Vilas. Fomos un dos clubs con máis podios nacionais en augas abertas, e tivemos campións de España tanto en categoría masculina coma feminina, o mesmo que medallistas (Alex Lages...), ou o Mundial de María Vilas.

Especial foi Rufino Regueira, que disputou o Mundial de Roma no 2009, foi campión de España o mesmo ano, e bateu a mellor marca nos 200 costas nun Campionato de España. Nadou tamén no Mundial Junior en México o ano anterior. Un dos mellores nadadores galegos da historia da natación.

María Vilas, campioa de España en todas as categorías dende infantil ata absoluta, medalla de bronce no Europeo en Londres en 1.500 libre (única galega que ten medalla nun europeo) e olímpica en Río 2016. Primeira nadadora olímpica de Ribeira. Todo un orgullo para min formar durante anos unha nadadora olímpica, inda que as institucións locais non me convidasen á súa recepción no Concello á volta da Olimpíada.

Como se prepara un/unha deportista?

—A dedicación e o traballo diario dun deportista con certo nivel, poñamos nivel nacional medio-alto, ten que ser moito. Non creo que ninguén destas características adestre menos de oito sesións semanais, cun volume aproximado de entre 45.000-55.000 metros á semana. Isto quere dicir que adestra seis días con dúas dobres sesións e descanso de un día. A máis categoría, máis carga de traballo, ata chegar aos 70.000-90.000 metros por semana. Á parte temos o traballo de fortalecemento e traballo de forza, algo primordial no deporte actual, empregando sobre hora e media durante catro ou cinco días á semana. En total 5-7 horas diarias.

De Sirves ao máis alto nivel

 Juan Carlos Brión Lema (Olveira 1967) estuda na escola de Sirves, para seguir FP en Coroso na rama de electricidade. Desde sempre lle gustou moito o fútbol, e lembra que o seu gozo era ir xogar cos amigos ao campo de Trumiáns (Artes). Máis tarde militaría no Atlético Ribeira.

Consegue unha praza como responsable da piscina municipal cando abre, en 1992. Ademais do mantemento da instalación vaise formando como monitor e adestrador de natación e noutras especialidades coma a ximnasia.

Foi o director técnico do Club Natación Ribeira desde a súa fundación en 1993 ata 2018. Conseguiu levar nadadores/as e o nome de Ribeira por todas as piscinas de España, e por varias de Europa, México ou Río.

No 2013 tivo que encarar unha seria enfermidade, ata lograr un doante de medula ósea, que lle salvou a vida. Vaise recuperando, ten recaídas, pero non se rende, e dirixe os adestramentos, que delega noutros técnicos, por citar só un deles, Fran Romay, o seu compañeiro de sempre. Mais o seu rendemento xa non era satisfactorio para el. En 2018 remata o seu vínculo con este club.

Lembra con especial emoción cada vez que, nos comezos, alguén do club acadaba unha marca para acudir a un campionato galego ou de España, que logo se faría habitual.

Tivo a honra de ser seleccionado pola Federación Española para participar como adestrador en máis de 20 ocasións en concentracións e competicións nacionais e internacionais, algo que o enche de orgullo por formar parte dese reducido grupo e desfrutar do máis alto nivel.

O tríatlon

A sección de tríatlon creouse para darlle saída a deportistas que o estaban a demandar: en natación xa non tiñan a ilusión do comezo, e querían probar algo diferente, e este era un deporte en expansión. A primeira que deu o paso foi Yaiza Blanco, por certo, a única do club que participou nun campionato de Europa Youth. Logo virían Carlos Brión, Martín Carrera, Mauro Paredes, Jorge González ou Sabela Pensado, todos eles con grandes resultados

Agora mesmo está de preparador físico no Club Ciclista Barbanza, con cadetes e xuvenís, ademais de levar deportistas a nivel individual que piden os seus servizos, como tríatletas, ciclistas, atletas etc.