Toque manual

Carlos H. Hernández Coto SECCIÓN ÁUREA

BARBANZA

ALBERTO LÓPEZ

06 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

soidade dun campaneiro vese compensada pola graza de ser escoitado polo pobo dende o século XIV polas noticias que temos. Dende o alto ás veces, e dende o chan outras, sempre informou á sociedade dos asuntos de actualidade, cunha lingua propia de signos sonoros, que varían segundo as zonas.

Coa chegada dos medios de comunicación e das redes sociais, coa electrificación das campás, o oficio de campaneiro trócase en arte, arte da memoria que non debemos perder. Porque igual que na música, o son das campás ten ritmos e pausas, conforma unha melodía que sae do corazón e dos sentimentos da persoa que o interpreta.

A pasada semana, a Unesco recoñeceu o toque manual de campás como patrimonio cultural inmaterial da humanidade, tras un traballo concienciudo que se desenvolveu dende Hispania Nostra, Europa Nostra e os Campaners d´Albaida, que viñeron a Galicia para facer vibrar os campanarios de Bastavales, Cerponzóns e Mondoñedo, que se oíron en todo o mundo, coa colaboración de Apatrigal e dos nosos amigos campaneiros, que acaban de crear a Asociación Cultural de Campaneiros de Galicia.

É un recoñecemento mundial que apagará as críticas dos turistas urbanitas aos que lles molestan os sons do rural, que eles chaman ruídos e que xa sentaron inxustiza nalgúns xulgados, nos que os xuíces lles deron a razón: os ruídos do rural son moi molestos, sobre todo o canto do capón ás seis e as campás do domingo ás oito. As campás son un acto festivo, sen ter nada que anunciar e moito que celebrar, que as parroquias teñan vida.