Marina Losada Vicente, escritora e asesora fiscal e laboral: «Deille forma á promesa que me fixen de nena de ter escrito un libro»

Amantia coello

BARBANZA

ABRALDES

Séntese cómoda no relato curto e no 2013 gañou un premio de poesía

25 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe teño o pracer de  entrevistar a escritora rianxeira Marina Losada Vicente. Unha muller que transmite unha mestura de enerxía, loita e serenidade na súa mirada azul. Única filla dunha familia numerosa, concilia vida laboral levando unha asesoría co coidado da familia e coa escritura. Ademais participa activamente da vida sociocultural da comunidade valorizando a cultura e a lingua propia. 

?De onde che vén o gusto pola escritura? 

—De nena sentinme completamente soa, a pesar —ou por iso mesmo— de vivir con catro irmáns, dos que me separaba unha realidade ben tanxible. Eles, homes. Eu, non. Para eles, o mundo. Para min, a casa. Antes de saber escribir, xa sabía fabular. 

?Fálemos dos comezos. Cando e como foron os teus inicios nesta arte?

—Con 12 anos escribía poesía e mantiña correspondencia con amigas e amigos. Facelo dábame un respiro. Pronto souben que as prioridades dunha nena tiñan que ser outras. Por certo, quen me sacou do círculo foi meu pai, que me mandou a estudar.

?Cando te mergullas nun proceso creativo, que significa para ti? Buscas algo nos teus textos?

—Diría que son os textos os que me buscan a min. E acostuman ser insistentes. Podo desbotar unha idea un cento de veces, mais, teimuda, é quen de saír adiante. Por poñerche un exemplo, levoume semanas ser quen de darlle forma escrita á maxia dun orgasmo.

?E como te definirías como escritora? 

—Muller. Nai. Feminista. Traballadora. Atea. No que me preguntas, unha intrusa. A única ferramenta da que dispoño é que sempre lin con ollos críticos, buscando a man que se garda detrás. Aos 50 anos sumeime a varios obradoiros de escrita e deime de conta de que non teño apenas cultura literaria, en particular da galega. Escribo como falo. Paso máis tempo normativizando o texto que creando.

?Relato, prosa, poesía... tocas moitos estilos pero, tes algún predilecto? 

—A día de hoxe, síntome cómoda no relato curto. Non sei facer poesía do século XXI, quedeime no pasado, coas súas rimas e a súa estrutura. Non é ningún segredo se che digo que teño escrita unha novela e que tiven ocasión de editala. Mais sei que non cumpre o mínimo que se lle debe esixir a unha publicación. Non creo que sexa só cuestión de capacidade. A historia está aí. Tamén os personaxes. É cuestión de aprendizaxe. De priorizar. De tempo. De buscar fóra de ti mesma. Aí é onde eu fallo.

—No referente á temática, hai algo que che guste tratar ou que te inspire especialmente?

—Como a maioría de nosoutras, sufrín a violencia machista en diferentes etapas da miña vida. Non se supera nunca, e o feito de escribir só para min non foi suficiente. Publicalo si que axuda a minorar a carga. Sempre escribo en feminino, aínda que intento facelo para todo o público.

?Tes algunha rutina, costume ou manía, á hora de poñerte mans á obra?

—Por decisión propia, só teño ordenador no despacho. Cando estou cun texto, é quen de ocuparme a mente ata o punto de interferir no meu traballo. Pensa que uso o mesmo teclado, a mesma cadeira... a mesma ventá. Intento limitar a escrita ás fins de semana. Porén, cada mañá, permítome anotar as ideas que fun recollendo nas últimas horas. Para iso, uso a gravadora do móbil. Cando acaba a tarde, se o texto o pide, escribo tamén. Se invade o tempo de traballo... obrígome a deixalo. Ese é o motivo principal de que non me poña con relatos extensos.

?No 2013 gañaches o Slam Ferve a Lingua cunha poesía titulada 200 nenas galegas. Como lembras esa experiencia?

—Unha mañá vinme obrigada a almorzar coa noticia de que un grupo armado secuestrara duascentas nenas das súas escolas. Sentinas como propias. Pensando que iso pasara aquí, naceu parte dese poema: Duascentas nenas galegas, galegas e ben galegas... Logo pensei en como me sentiría sendo a nai deses terroristas: Se tes nai que che queira sendo que es o máis salvaxe de cantos homes parimos... A suma deu o texto que recitei no concurso, que logo saíu como vídeo-poema da man do meu fillo.

?Que lugar crees que ocupa a cultura, concretamente a literatura, na nosa sociedade? Poderíase facer algo máis? 

—A cultura é a conciencia colectiva. Temos que coidala e non deixala en mans alleas. Nas casas, principalmente nas casas, é onde se deben atopar libros, material de debuxo, xogos con instrumentos musicais... Fomentar a imaxinación. E a igualdade.

?Falando do presente ou futuro próximo, tes algún proxecto novo entre mans? 

—Grazas á Asociación Barbantia, vou participar cun relato nun libro que publicará Galaxia. Da man do Concello de Rianxo, nun libro tamén colectivo que nace no último obradoiro de escrita.

?Para rematar esta entrevista, cóntanos se hai algún soño por cumprir con respecto á escritura?

—Deille forma á promesa que me fixen de nena de ter escrito un libro. Pero non deixa de ser un engano afirmar que cumprín. A Marina que desexaba ser escritora quería ter un público lector, non un texto de trescentas páxinas gardado nun caixón.

Fabulista desde a infancia

1958. Rianxo. Nace Marina, única muller de cinco irmáns. A súa primeira lingua foi o castelán, o cal os adultos da casa intercalaban, sen atropelo, co galego. Define a súa vila como «orgullosa de ter unha fala propia que se defende da lingua invasora. Mágoa se se perdese».

Lembra a súa infancia como «catequista nunha igrexa omnipresente que degrada as mulleres. Un ensino no que as nenas fan labores do fogar e os nenos debuxo técnico». Primeiros poemas en castelán, e o único en galego que escoitarían os oídos da súa avoa, á que ían dirixidos.

Con 22 anos tiña dous fillos e unha filla, que medraron entre a asesoría que rexenta e a casa. É fabulista desde a infancia. Le contos en libros que non están escritos, cando as mans infantís tiran das páxinas.

Desbandada do niño

Preto dos 40, a desbandada do niño é total. Tamén do home que a acompañaba. Compatibiliza a asesoría co traballo no estudio de arquitectura do irmán. Socialmente activa, forma parte de diversas asociacións culturais e educativas na contorna. Empeza a ler de forma regular novela, e a escrita vai enchendo unha carpeta de word. «Numerosos textos recollen a realidade que vivo a nivel íntimo, cando sinto baleira a esfera afectiva. Constatan os feitos, pero non os alivian». 

Un día decide investir tempo en atender a adolescente que quería ser escritora: «Sen máis bagaxe que as lecturas do meu gusto, sen ter máis cultura galega que ningunha —no instituto apenas unhas páxinas para Rosalía ou Valle-Inclán— empecei a escribir na lingua propia, na da avoa, cando o cerebro tiña aínda sen procesar que avoa se escribe con uve».

Seareira de obradoiros

Logo, obradoiros de escrita, e faise seareira deles, o que a anima a participar en recitais poéticos e publicar relatos. Nos últimos anos publica da man de Barbantia, do  Concello de Rianxo etc. «Dar vida aos textos, facelos públicos, axúdame a eliminar as páxinas que, doutra maneira, non sería quen de arrincar de tantos calendarios cos que se conforma a vida de cada muller».

Hoxe, Marina compaxina o seu traballo coa crianza dos netos, aos que lle gustaría transmitir o gusto pola fabulación. Sabe que é unha ferramenta que non os vai a abandonar.