O auténtico medo

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de una casa decorada en Noia.
Imagen de archivo de una casa decorada en Noia.

29 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As películas máis terroríficas son aquelas nas que o medo non procede do decorado, senón do interior das personaxes, coma no mítico filme O sexto sentido. Penseino cando estes días vemos tantas fiestras con teas de araña, zombis, esqueletos e bruxas, montadas coma un belén da familia Adams. Estes monigotes son a segunda xeración de xoguetes terroríficos que os bazares chineses introduciron no país, tras aqueles populares Papá Noel pendurados das escaleiras que dan medo non tanto por eles como polo desleixo que revelan.

Hai casas nas que ninguén se acordou de retiralos en xaneiro. Ficaron aí, batidos polo vento, decolorados pola chuvia, coas caras plásticas abrasadas polo sol, atrapados nun eterno Nadal de abril, agosto, outubro, batendo nos temporais contra os ferros dos balcóns. Tlonc, tlonc, tlonc. Un pregúntase que lle pasaría os donos da casa e porque nunca retiraron os tristes bonecos. E logo morrerían e o Papá Noel levará meses pedindo auxilio, coma un alma en pena, sen que ninguén lle faga caso.

Pasará outro tanto con algúns destes bonecos de Halloween, cos seus ollos vidrosos e as caveiras risibles. Pasado o Día de Defuntos, nunca haberá un momento para desmontar a broma e iranse esfarrapando á nosa vista coma auténticos cadáveres.

Nunha noite de marzo, unha vella na voltiña do serán levará un patatús ao atopar nunha beirarrúa, arrastradas polas chuvias, unha man amputada ou unha araña XL. Nalgunha fábrica de Shanghái alguén sentirá que o seu esforzo á fin valeu para algo.