A pedra do Can Doente atópase en San Mamede, concello de Lousame
02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A maior parte dos científicos e científicas vense seducidos dalgún modo pola materia obxecto dos seus estudos. O enunciado parece doado de verificar se pensamos en disciplinas relacionadas cos seres vivos: bioloxía, veterinaria... Algo máis complicado pode ser entender os amantes das ciencias da terra e a súa paixón polas taciturnas pedras.
No meu caso particular, as primeiras aproximacións ao mundo mineral resultaron un tanto traumáticas. Anos máis tarde, aquelas experiencias permitíronme comprender a razón do lugar asignado na escala de dureza de Mohs ao cuarzo e feldespato, elementos primordiais dos pandullos manipulados por algún perverso compañeiro de xogos. Recordos perennes na memoria cada vez menos ocultos na superficie do coiro cabeludo. O tempo cúrao todo, din os entendidos. Tamén aseveran que o roce fai o cariño. Certo.
Aprendéronme a socializar coas pedras no laboratorio a través dos sentidos do tacto e do gusto. Haberá maneira máis íntima de identificar unha especie mineral que lamber suavemente a súa cara cristalina? No campo teño pasado longas xornadas camiñando entre os estratos rochosos enfrascado nunha conversa silenciosa co fin de indagar na súa historia. Algúns relatábanme episodios temperáns de cando tan só eran sedimentos arrastrados polos ríos nun proceso de acumulación baixo o océano, mesturándose con restos de organismos mariños, da claustrofobia sufrida na súa transformación a rocha, e ata dos tumultuosos acontecementos sufridos para acadar a verticalidade no terreo.
Relación afectiva
Unha relación afectiva coas rochas cinguida ao mundo científico que podería ter comparación, sempre gardando as cautelas necesarias, con curiosos costumes populares como atravesar as fendas dos penedos rozando o corpo contra eles, ou repousar sobre os ocos modelados pola erosión na súa superficie. Comportamentos da sociedade tradicional vinculados á promesa de curación de distintos males físicos e espirituais.
Pero, ás veces, a atracción polas pedras resulta fatal e deriva cara a situacións sorprendentes. Hai anos lin unha desas novas que fan desentumecer os músculos faciais: «un mozo queda atrapado nunha vaxina de mármore en Tubinga (Alemaña)». Entre a estupefacción e as bágoas xurdidas diante dunha posible confirmación máis da estupidez humana, lémbrome daquela aula de tectónica onde nos descubriron os «dobramentos fálicos» (o pudor impídeme transcribir o termo real usado polo alumnado). Pouca broma! A natureza ten a ocorrencia de reproducir morfoloxías do mundo animado no mundo mineral. No caso das dobras, as forzas tectónicas manipulan as rochas, como fan os escultores, e defórmanas ata construír imaxes recoñecibles polas mentes inquedas. Por outra banda, exemplos de esculturas naturais talladas pola erosión caprichosa dos granitos, evocadoras de sensibilidades culturais e portadoras de topónimos singulares na paisaxe galega, hainos a moreas: xigantes de pedra, cachuchas e moas, cans e ras...
Volvendo á nova, dáme o corpo que o libidinoso mozo era un estudante de xeoloxía, quen, seducido pola obra «Pi-Chacán» de Fernando de la Jara, decidiu manifestar publicamente nun acto explícito e sen ambaxes o seu amor polas pedras. Petrofilia de manual.