Solpor inminente de outono

eme cartea

BARBANZA

EME CARTEA

02 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O outono chegou a bo porto como unha insubmisa lembranza, indócil e húmida, por baixo un ceo de ferro ancorado. Follas serodias de soños tapizan os vellos encontros unxidos de vida e camiño. A luz esvaída da tarde decae no lombo do mar con latexos de sal cravados nas ás da nostalxia. Nun vento de cobre, as gaivotas tradean o ar cos seus laios de azul ao ritmo secreto dunha despedida: son panos de adeus e tristura esbagoados nas gretas da dor. Talvez, nese límite incerto de terra e salitre, alguén se empeñe en reter ese instante abraiado á calor dun solpor inminente. O tempo, como un salaio doído, sempre regresa con fiel timidez porfiada. Un horizonte, tinxido de ausencias e nebras, aspira as sombras decote como un corazón que se negue a esquecer. E nesta tarde que se desfai, os vellos lobos de mar remendan o frío das vagas, en afogado silencio, e acenden inquedos o anhelo da súa partida. Avanza o día, e cae coas súas mans quentes no útero aberto do abalo aleitando promesas antigas. Logo, no seo incontable da aurora, loairas serodias acenden urxencias de espera nas cansas olladas dos homes, que agardan o alegre resón do regreso. En cada onda, un nome que o vento recita e os peitos recean. O mar que nos chama, beleza cómplice que nos convida, sempre abondosa. Sempre rapaz!