Iso é o que se di dos nenos que veñen en camiño. Tanto ten como saia, quererémolo igual. Hai que pensar o mesmo cos castros cando se escavan por vez primeira. Cada un deles é unha caixa de sorpresas. No Barbanza, por exemplo, todos os poboados investigados ata hoxe poden contar unha historia distinta, e iso convérteos non só nun activo social e económico moi valioso, senón complementario entre si. O mesmo sucederá coa Croa de Posmarcos da Pobra do Caramiñal, que este luns pasado comezou a ser escavada con altas expectativas. Cal será a súa cronoloxía? Que se agocha baixo as lendas e as estruturas defensivas que se ven a simple vista? Como nos achegará ás vidas das xentes de hai dous mil anos?
Antes tiña ideas preconcibidas sobre os xacementos inexplorados. Co tempo, aprendín o contrario: a gozar coa incógnita, e deixar que sexan os datos os que constrúan a súa propia narración, sen ideas preconcibidas. Tras a adquisición polo Concello da Pobra, a Xunta de Galicia financia esta primeira intervención levada a cabo por Tempos Arqueólogos baixo a dirección de Lupe Castro.
Este equipo de profesionais irá revelando e, sobre todo interpretando a partir das evidencias, a función e a cronoloxía deste lugar, as trazas das mulleres e homes que o viviron. Será verdade, como dicían as vellas de san Isidro, que «aquelas xentes eran máis ca nós»? Que nos querían explicar con esa afirmación? Gozaremos da descuberta e contarémola para que no Barbanza e en toda Galicia se poida compartir a emoción da ciencia.