Educamos para consumir máis ca para aprender a realizar esa función tan necesaria, por outra banda, para o tipo de sociedade que chegamos a construír
12 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.De toda esta época que acabamos de pasar, na que os excesos foron contundentes, sobre todo no comer, fica impregnada nos ollos dos pais e dos avós a mirada dos nenos e das nenas, tan curiosa como sorprendida, cando o mundo se encheu de luz para incitar ao consumo desaforado. Concellos e asociacións de empresarios engalanan as vilas non tanto para conmemorar os catro ou seis domingos da Epifanía —depende de como se mida— como para deseñar estratexias de marketing que inciten a unha compra compulsiva en gabanza da industria patria e das multinacionais non abandeiradas, como fórmula para esgotar decontado a paga extra.
Educamos para consumir máis ca para aprender a realizar esa función tan necesaria, por outra banda, para o tipo de sociedade que chegamos a construír. Á falta de datos do comercio local —xa chegarán, se é que chegan—, Santiago, A Coruña, Pontevedra, esta cidade en menor medida, e Vigo foron visitadas por barbanceses para facerse coa compra de agasallos e outros bens cos que celebrar este aquelarre concupiscente.
Mais pasou o Nadal e, con el, a febre por reunirse arredor dunha mesa para compartir as cousas pasadas, dar entrada a novos membros na familia, despedir con agarimo os que xa non están e desexar o mellor para este novo ano aos presentes. Reparto de agasallos e, con eles, as caras de sorpresa e ledicia, tan ligadas á sensación de pertenza a un clan que se reafirma con esta clase de cerimonias. O filósofo francés Jean Baudrillard identificara que o consumo se converte nun sistema de signos onde a felicidade se mide por bens visibles que sinalan confort e status. Precisamente, do que hai que presumir o día despois.