A memoria da escritora centrou unha concorridísima Romaría das Letras
18 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A mañá deste domingo, o pazo de Goiáns encheuse de vida coa celebración da Romaría das Letras. O sol acompañou unha décimo quinta edición moi concorrida, na que os asistentes puideron gozar de música, artesanía, cultura e gastronomía popular. Aproveitando o bo tempo, foron moitos os que decidiron subir a pé ata Goiáns. Alí, dende ben entrada a mañá, familias e veciños da zona reuníronse para presenciar as actuacións dos grupos tradicionais e, máis tarde, comer á sombra das árbores. Mentres algúns optaron por improvisar un pícnic na leira, outros preferiron o animado xantar popular, onde o polbo e o churrasco foron os grandes protagonistas.
Trala pausa para a comida, contra as catro da tarde, chegou a quenda das intervencións institucionais e literarias da man da Asociación Cultural Barbantia. O primeiro en tomar a palabra foi o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, quen debullou a «triste realidade» do idioma: «O galego cada vez fálase menos nas aulas, fálase menos nas rúas e fálase menos nas casas», subliñando a urxencia de que as Administracións traten de reverter esta tendencia. A continuación, a concelleira de Cultura, María Outeiral, realizou un breve percorrido polos homenaxeados das Letras Galegas ao longo dos quince anos de historia desta romaría.
Acto seguido, foi o momento de presentar ao escritor e biólogo Xulio Gutiérrez e á ilustradora Lucía Cobo, quen deron a coñecer a súa obra Elas, un álbum ilustrado enfocado ao público infantil. O libro aborda o mundo animal dende unha perspectiva estritamente feminina: «Falamos moitas veces do león, rei da selva... Por que non ver o libro desde o punto de vista das leoas?». Trala presentación, os máis pequenos foron convidados a participar nun obradoiro de pintura.
Viaxe pola Compostela de Begoña Caamaño
A segunda quenda das intervencións literarias de Barbantia correu a cargo da historiadora e escritora Encarna Otero, que presentou no pazo de Goiáns a obra A Compostela de Begoña Caamaño. Otero definiu este proxecto como un libro en rede, colaborativo, deseñado para rescatar e visibilizar a pegada da autora.
A presentación serviu para guiar os asistentes por unha viaxe a través da xeografía vital que a homenaxeada habitou na capital galega.
A crónica de Otero evocou o Santiago efervescente dos anos noventa, onde Caamaño se converteu nunha «mecenas silenciosa» da música folclórica na mítica Casa das Crechas. Tamén se lembraron os faladoiros, as risas e os cantos compartidos na casa de xantares, a rúa de San Pedro onde habitou e outros espazos fundamentais onde Begoña teceu fíos de sororidade e complicidade coa súa contorna. O pazo acolleu así o recordo dun casco histórico que renacía daquela grazas a colectivos dos que ela formaba parte activa.
Para rematar, Otero reivindicou a súa faceta máis combativa como xornalista e feminista, así como o seu legado literario. Falou primeiro de Circe ou o pracer do azul, seguida por Morgana e Esmelle, novelas coas que daría un xiro feminista aos mitos clásicos.
Cunha afluencia multitudinaria que se mantivo tanto pola mañá como pola tarde, os asistentes percorreron os múltiples postos de artesanía, libros e comida. A xornada completouse coas actuacións musicais, poñendo o broche de ouro o concerto de Os D’Abaixo.