En plena Costa da Morte aparece a fervenza do Ézaro nun entorno onde industria e paisaxe, atraen a miles de turistas para comprobar a caída da auga do río Xallas, directamente ao mar
18 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Pódese ler no portal web deste concello que Dumbría é un eco topónimo derivado da verba donobria ou dumbriga, que se relaciona con «outeiro fortificado, altura fortificada, castro».
Nada que obxectar, sobre todo cando non se pode levantar o teléfono e preguntarlle ao benquerido Fernando Cabeza Quiles, tristemente desaparecido fai só uns días, dita acepción que deu nome a un concello que vive da agricultura, gandería, a pesca e algo do turismo rural, tal como acredita o Rexistro de Empresas e Actividades Turística (REA), da Xunta que cifra en 7 os establecementos dedicados a tal actividade neste municipio que conta con 2.776 habitantes en 145 quilómetros.
En plena Costa da Morte aparece a fervenza do Ézaro nun entorno onde industria e paisaxe, atraen a miles de turistas para comprobar a caída da auga do río Xallas, directamente ao mar, unha atracción que pon en valor as potencialidades para o turismo de toda a comarca orientada cara á natureza, desbordante e fermosa, mesturada con lendas sobre os celtas, cidadáns da contorna, onde o Pindo chega a categoría de monte sagrado, á imaxe do Medulio, situado na serra do Xistral, que pasará a historiografía como símbolo de resistencia ao imperio romano.
No Ézaro, case embaixo da mesma cascada, levántase unha pequena area deportiva e unha pérgola que cubre un espazo público onde se observan diferentes postos que amosan produtos da zona, obra financiada entre a Deputación e o concello, venden artesanía, queixos, marmeladas, doces, conservas e un pequeno bar expende bocadillos, cervexas, cafés, refrescos, permitindo pasar un serán rodeados dunha beleza sen parangón.