13,6 millóns de euros

Ciprián Rivas

BARBANZA

Imaxe de arquivo dun bus que presta servizo na comarca do Barbanza
Imaxe de arquivo dun bus que presta servizo na comarca do Barbanza CARMELA QUEIJEIRO

A Xunta acaba de sacar a licitación por un importe de 13,6 millóns de euros para catro anos e catro meses, o novo contrato, que se entende cubrirán as deficiencias marcadas polos usuarios

08 jun 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As queixas sobre o transporte por estrada e as consultas hospitalarias son dous asuntos que moven á cidadanía das nosas comarcas a elevar a Valedora do Pobo reclamacións por estes servizos, fundamentais na construción do estado de benestar. Así, unha representación de sufridas usuarias da parroquia de Castiñeiras, entregaban o pasado mes de marzo un escrito avalado por tres mil firmas na oficina de Atención ó Cidadá da casa consistorial ribeirense para tramitar diante a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da propia compañía concesionaria.

Nel referíanse aos abusos da compañía de transportes en canto a falta de puntualidade, ou mesmo a non presenza do autobús na hora sinalada, mal estado dos vehículos por falta de mantemento e mencionaban as eivas nas conexións entre os hospitais, comarcal e Complexo Hospitalario Universitario de Santiago e os institutos de ensino medio das comarcas. Superado xa o trámite de información pública e a resolución das alegacións, a Xunta acaba de sacar a licitación por un importe de 13,6 millóns de euros para 4 anos e catro meses, o novo contrato, que se entende cubrirán as deficiencias marcadas polos usuarios.

Ben é verdade, que no caso de presentarse ao concurso a actual compañía, que mantén unha posición dominante no transporte regular de pasaxeiros por estrada, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas, moito terá que cambiar para manter uns indicadores mínimos de calidade, tal e como veñen indicando diferentes asociacións de usuarios, sindicatos e mesmo algún partido político, quen manifestaron intranquilidade pola dependencia que algúns concellos teñen por contar cun só provedor deste servizo.