O profesor falecido en febreiro foi homenaxeado na travesía a nado das festas ás que asistía sempre
08 ago 2026 . Actualizado a las 18:08 h.Todos foron Olegario Sampedro na tradicional travesía a nado celebrada nesta mañá de sábado con motivo das festas da Ameixida. Lembrando ao creador, ao compañeiro, a ese faro que alumeaba na escuridade máis profunda irradiando enerxía positiva, medio cento de amigos saltaron á auga para homenaxear ao eterno profesor falecido o pasado 25 de febreiro.
Co espírito colaborativo herdado de quen antepoñía o entendemento á confrontación, o sorriso a un mal xesto, os nadadores entregáronse a fondo para revalidar a medalla que tempo atrás conseguira naquelas augas un Olegario que tiña nas festas da Ameixida e na participación na travesía entre unha das datas sinaladas do ano.
Cada un deles chegou ao punto de partida vestindo unha camiseta conmemorativa, cunha imaxe estampada coa mellor versión dun Ole mordendo o metal do triunfo como sereo das augas.
Na praia estaban tamén a súa dona, Pura Prado, acompañada das súas fillas, Carme e Ana. Foi esta última quen tomou a palabra para agradecer a emotiva homenaxe e mandar bicos ao ceo en lembranza de seu pai. Tamén falou a presidenta da comisión de festas, María Jesús Paz, quen incidiu na faceta solidaria de Olegario Sampedro.