María del Carmen Boo: O legado dun esforzo indeleble na Pobra

Ribeira / La Voz

A POBRA DO CARAMIÑAL

A pobrense finou onte aos 93 anos de idade

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A despedida de María del Carmen Boo Franco (A Pobra, 1925), coñecida como Carmucha, simboliza unha desas perdas irreparables polo legado que deixa ao pobo pobrense. Boo naceu e criouse nesta vila, a mesma na que despois fundou, xunto ao seu marido e amor, a conserveira Ramón Franco. Non houbo un só día no que non se levantase disposta a deixarse a pel por sacar adiante esta empresa, na que traballou ata a súa xubilación e que supuxo a necesaria creación de empregos para a contorna.

Traballadora e enérxica, destacaba polo seu excepcional talento para a cociña. Nos últimos anos, Carmucha residía coa súa filla en Oza-Cesuras e acudía ilusionada a clases no centro de maiores de Betanzos, leccións que tomaba coas súas amigas. María del Carmen Boo faleceu onte aos 93 anos de idade e o seu funeral terá lugar hoxe, ás 17.00 horas, na igrexa de Santa María A Antiga do Caramiñal, para que despois os seus restos mortais reciban sepultura no camposanto deste mesmo templo pobrense.