A gardería

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

A POBRA DO CARAMIÑAL

Imaxe antiga da inauguración da escola Monte Carmelo.
Imaxe antiga da inauguración da escola Monte Carmelo.

A primeira pedra da escola instalárase o 22 de xullo de 1978 nos terreos da vella horta parroquial

20 may 2026 . Actualizado a las 10:18 h.

Hai xa uns cantos anos, os antigos alumnos da gardería Monte Carmelo da Pobra do Caramiñal volvemos á escola para celebrar un aniversario. Sentamos en cadeiras diminutas, que eran as exactamente nosas, e rímonos a escachar e falamos de poñernos babeiros, mandís e usar plastidecores.

As irmás deixáronnos consultar o libro de rexistros. Nós foramos a primeira promoción da gardería da Pobra e nada máis abrilo velaí estaban os nosos pais: mariñeiros eles, amas de casa ou traballadoras da conserva elas. Esa era a nosa vila, o lugar no que se instalaron as Misioneiras do Divino Maestro, que na Pobra resumiamos como as monxas. Hoxe, desde as miñas responsabilidades, pregúntome que nerviosas estarían aquelas irmás mozas o día que abriron. E sinto unha enorme empatía.

A primeira pedra da gardería instalárase o 22 de xullo de 1978 nos terreos da vella horta parroquial, cedida polo Arcebispado para construír o edificio a expensas da gran benfeitora da Pobra, dona Carmela Arias.

O vindeiro luns, o propio Arcebispo acudirá á Pobra para agradecer a esa congregación de mulleres agarimosas e entregadas case cincuenta anos de dedicación.

Dentro da liña de renovación do arcebispado, o centro será xestionado agora pola Fundación Educativa Ultreia cunha nova visión para afrontar os desafíos da sociedade galega actual. O país cambiou moito e para ben. Os rexistros da gardería hoxe darían oficios máis diversos. En gran medida, polas sementes que estas mulleres deixaron en todos e cada un de nós.