Revitalizar a participación cidadá é o obxectivo dun servizo con case 20 anos de traxectoria
22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Un dos aspirantes a facerse cun sereo, en concreto na categoría de iniciativa cultural é o centro social de Boiro. Está avalado por case dúas décadas de traxectoria e por un proxecto pioneiro na comarca, Lañeverde. Alberto García é o seu coordinador.
-¿Que significa esta nominación para o centro social?
-Significa agradecemento. Nós facemos o noso traballo desde hai máis de 18 anos e tódolos recoñecementos son bos. O mellor, seguir traballando, dar servizo e seguir creando movemento sociocultural en Boiro.
-¿Que opinión lle merecen Terra de Outes e a asociación Francisco Lorenzo Mariño, os outros nominados?
-A nosa filosofía e traballar coas asociacións, man a man. Toda a xente que teña o valor e a iniciativa de montar unha asociación, de facer algo polo seu entorno, de exercer a súa cidadanía activamente merece respecto.
-¿Satisfeito coa traxectoria do centro social?
-Si, moi satisfeito. Teño ido a moitos sitios que nos chaman para que contemos o modelo de traballo que facemos desde aquí. A nosa filosofía é traballar cos colectivos e xerar dinamismo social.
-¿Hai moito traballo detrás das actividades que programa o centro social?
-Hai moito traballo, pero a clave está en que non organismos cara a fóra, para que a xente veña consumir cultural, senón que somos mediadores nunha plataforma na que participa moita xente. Aquí programan moitas asociacións, colectivos e empresas que se achegan a nós. Desde o Concello prográmanse só o 20 % das actividades.
-¿Como foi cambiando o panorama cultural en Boiro?
-Cambiou moito. Boiro tiña un único equipamento cultural, na Cachada, e de repente empezáronse a construír centros sociais e mesmo o museo de Neixón. A isto hai que engadir que se revitalizou a participación cidadá, foi a xente a que colleu o protagonismo.
-¿O feito de que Boiro sexa un fervedoiro cultural facilita o traballo?
-Si, pero ao mellor é fervedoiro porque nós tamén lle botamos combustible. O que está claro é que Boiro é un pobo vivo e moi dinámico. Nós o que facemos é tentar darlle forma a todo iso. Cando puxemos en marcha o proxecto Leñaverde había moitos mozos que facían arte na súa casa, pero non eran conscientes de que pertencían a un todo. Nós démoslle forma. O mesmo facemos agora coa República Creativa, aínda que a nivel de empresas. A unión reforza o movemento.
-¿Existe implicación por parte dos máis novos?
-Con este colectivo non é doado traballar, pero hai que propoñerlle iniciativas. Agora estamos facendo un mentoring dentro da República Creativa, emprendedores que van polos institutos expoñendo as súas experiencias. Estalles interesando moito aos estudantes.
-E o fin de semana tiveron unha xornada musical, ¿como xurdiu a iniciativa?
-Estamos nun momento moi álxido a nivel musical en Borio e quixemos poñelo enriba da mesa, para amosalo e tamén para debater como se pode manter isto no tempo.
-¿Como valora o traballo de Barbantia?
-Barbantia é un exemplo impresionante. Coñecín todo o proceso de fundación e penso que nos deu unha gran lección aos profesionais desde o punto de vista organizativo, de como hai que entender o territorio de xeito comarcal e como hai que conectar cos medios e co público.