Eva Outeiral: «As noivas buscan ser diferentes»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Fai máis deseños, pero recoñece que as mulleres casadeiras son a súa perdición

22 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A deseñadora Eva Outeiral é outro deses exemplos que demostran que, polo menos en Boiro, a fusión de creatividade e espírito emprendedor pode dar como resultado unha frutífera iniciativa empresarial. Cando ideou o seu negocio apuntou alto, disparou cara eses grandes días que marcan a vida de boa parte das persoas: as primeiras comuñóns e as vodas. Especializouse nestas citas festivas e dirixiu o seu punto de mira cara o xénero que, polo menos habitualmente, coida máis a súa imaxe cando acode a estas celebracións, ben sexa como protagonistas ou como convidadas: as mulleres.

Hoxe recibe ás súas clientas no taller que ten no Bodión, a escasos minutos do centro de Boiro. Alí, entre telas, fíos e tesoiras pensa nos seus comezos no mundo da moda, para o que ten que remontarse a cando era unha nena de só 7 anos: «Miña nai mandoume aprender a coser, era algo moi común naqueles tempos». Pero Eva Outeiral non tardou en descubrir que, máis que unir teas, o que a ela lle gustaba era a parte creativa, o deseño. Decidiu formarse na materia e cando puxo en marcha a súa idea empresarial xa tiña moi claro cales ían ser os seus clientes potenciais: «Visto a meniñas de arras, damas de honra, nenas que fan a primeira comuñón, convidadas... pero o que me perden son as noivas».

A satisfacer ás mulleres que están planificando o gran día dedica Eva Outeiral a meirande parte dos seus esforzos. Asegura que o reto que se marcou non é nada doado de superar: «Xunto a min chegan noivas que teñen as ideas claras e que queren algo diferente, non aquilo que poida comprar todo o mundo». A solución pasa pola exclusividade: «Fago un vestido para cada unha, sen repetir nunca. Aínda que veña alguén cunha foto dun traxe de outro deseñador, pode servirnos de inspiración, pero nunca vai ser igual».

Proceso complexo

A boirense asegura que lonxe de conformarse con ollar un catálogo ou guiarse polo consello da especialista, as noivas de hoxe en día son esixentes, polo que atoparlles o vestido ideal require un proceso longo e complexo: «Eu escoito a idea que traen na cabeza e despois mergullámonos nunha especie de tormenta de ideas. Sobre ese primeiro contacto fago bocexos e a partir de aí traballamos e imos dándolle forma ao vestido ata conseguir o resultado desexado».

Guipur, tul, encaixe... no taller de Eva Outeiral hai infinidade de teas. Os brancos, cremas e rosas contrastan con rechamantes vermellos e mesmo negros: «As noivas de hoxe buscan ser diferentes polo que, máis que vestidos que sigan as tendencias do momento, buscan modelos que se adapten aos seus corpos». Por iso, Eva Outeiral aposta cada vez máis por abrir o abano de cores, por incorporar complementos e mesmo por romper coas tradicións: «De momento non vestín a unha noiva de pantalón, pero non me importaría». Asegura que o lugar no que vai ter lugar a cerimonia marca rotundamente o seu enfoque: «A igrexa préstase a velos longos e moita cola, pero nun xardín hai que optar por vestidos máis cómodos, máis fáciles de manexar. A xente estase indo a esas cerimonias diferentes, en xardíns, á ribeira do río, no monte... Búscase ser diferente en todo, desde o vestido ata o entorno, pasando polos detalles. A voda é coma unha historia que os noivos queren contar e ten que ir todo coordinado».

Confésase unha namorada de Valentino, pero deixa claro que cada noiva constitúe a súa única fonte de inspiración. Disposta sempre a compracelas, explica que, como punto de partida, de cara o vindeiro ano xa ten clara a súa aposta: «Materiais moi lixeiros, vestidos cómodos, modelos sinxelos e que incluso se poidan aproveitar en outra ocasión, por exemplo, combinando a parte de arriba con outra prenda».