Novos servizos e urbanismo en Boiro

En 1957 inaugurábase a Casa do Concello e o Colexio Martín Gómez hoxe desaparecidos


Culminando un longo e dificultoso proceso iniciado máis dunha década atrás, en marzo de 1957 inaugurábase en Boiro a nova Casa do Concello e un grupo escolar para nenos e nenas. Ambas infraestruturas formaban parte dun ambicioso plan de obras públicas que contemplaba, ademais, a construción dunha casa cuartel da Garda Civil, un mercado de abastos e centros escolares en Escarabote, Abanqueiro e Bealo. Aprobado en 1947 durante o mandato do alcalde Perfecto Abalo, este plan contará cun presuposto duns 2.000.000 de pesetas.

Conforme aos proxectos realizados por Eduardo Rodríguez-Losada, recoñecido arquitecto coruñés, membro da Real Academia Galega de Belas Artes e tío político do escritor Camilo José Cela, o Concello e o grupo escolar serían as primeiras obras en executarse. Ambos edificios emprazaranse nun solar duns 8.000 metros cadrados resultante da expropiación de varias fincas a labradío (Solares de Bao), céntricas e estremeiras ou próximas á estrada xeral, onde estaba previsto edificar tamén a casa cuartel e o mercado, e reservar un espazo para a feira de gando que, con escasa concorrencia, se viña celebrando no monte de Espiñeira.

Adxudicada en 1951 por 509.900 pesetas, a construción do grupo escolar -denominado Martín Gómez na memoria dun mestre xubilado, que curiosamente non exercera na localidade- posibilitaba dignificar as calamitosas condicións do ensino na parroquia de Boiro, ata esa data dependente de locais arrendados a particulares que presentaban graves carencias en canto ás súas condicións hixiénicas e pedagóxicas. E, por outro lado, materializaba nalgunha medida un proxecto aprobado en tempos da Segunda República, sendo alcalde o socialista Juanito Somoza e concelleiros os mestres republicanos Martínez Virel, Álvarez Gantes, José Caballero e Manuel Otero Ferro. Curiosamente, Perfecto Abalo, o alcalde que promovía a obra, era tamén mestre e mantivera excelentes relacións co agora exiliado rexedor Juanito Somoza.

Pola súa parte, a edificación da casa do concello, que se adxudicaba catro anos despois por 546.000 pesetas, permitiralle ao goberno municipal e ao persoal administrativo abandonar as reducidas e obsoletas instalacións de Cimadevila -con diferenza, as máis cativas da comarca-, en uso dende o último terzo do século XIX, e pasar a ocupar un inmoble amplo, luminoso e funcional. Non obstante ser inaugurada polo alcalde Jesús Chouza, a xestión desta obra débeselle adxudicar, en maior ou menor medida, a outros rexedores que o precederon: Julio Carreño (1943-1946), Perfecto Abalo (1946-1954) e Carlos Martínez (1954-1956).

Guiadas polo plan urbanístico que, a mediados dos anos sesenta, aprobaba o goberno presidido por Jesús Chouza, no contorno desta nova área iranse abrindo sucesivamente as primeiras rúas do ensanche boirense: Santos Mieites, Robustiano Pérez del Río e Norberto Pijuán. Tras a apertura de rúas chegarán as edificacións coa súa oferta de locais, atraendo a comercios, hostalería e demais servizos. Iniciábase, deste xeito, o despegue urbanístico e económico do novo Boiro, e o declive definitivo de Cimadevila, a capital municipal e histórico centro de servizos da localidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Novos servizos e urbanismo en Boiro