Arousa Norte, agora morta

La Voz CAIXA DE CORREO

BOIRO

11 feb 2019 . Actualizado a las 21:12 h.

Pode enviar os seus textos á dirección de correo electrónico redac.barbanza@lavoz.es

D ende que é alcalde Juan José Dieste nunca nos informou do que está pasando en Arousa Norte, ignorou dar conta nos plenos do Concello, do destino que tiveron as subvencións de 55.000 euros anuais, que nestes oito anos sumaron un total de 480.000 euros, máis a cesión gratuíta dun gran espazo da nosa casa consistorial, mentres aos grupos municipais da oposición nos nega o local que nos pertence por lei para atender aos veciños, sendo requirido polo Valedor do Pobo en varias ocasións.

Nos estatutos de Arousa Norte aprobados en 1973, en plena ditadura, había dous representantes por concello, mentres que agora hai catro alcaldes. Democracia en diferido. Cos estatutos da ditadura conseguimos autovía, auga do Ulla, hospital, recollida dos análises (antes había que facer dúas viaxes a Santiago, unha para extraer sangue e outro para recolle resultados), logopeda, equipos técnicos para urbanismo, asistentas sociais, transporte universitario... Pero, curiosamente, cos novos estatutos aprobados no ano 2000 recórtase a democracia. Antes informábase, debatíase, votábase no pleno do Concello, agora nada.

Mentres as mancomunidades que nos rodean, as do Salnés e Costa da Morte, nos están dando unha lección de promoción dos recursos turísticos e patrimoniais con máis base de representación dos concellos, aquí os alcaldes non se implican na xestión de servizos comúns, seguen encerrados nos seus localismos sen decatarse de que temos mellor situación territorial, mellor riqueza para ofrecer, praias, mámoas, petróglifos, muíños, cabazos, cruceiros, pazos, igrexas, ríos, paisaxes, unha serra con fermosas vistas á ríaa de Arousa e a Noia- Muros... e todo a media hora da capital de Galicia e do aeroporto internacional de Santiago, con patrimonio histórico cultural de envergadura para atraer visitantes. Manuel Velo. Boiro