A mestra convertida en ilustradora

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

marcos creo

Vén de publicar un diario gráfico sobre unha estadía en Ottawa con fins didácticos e unha obra de banda deseñada, «Madialeva», sobre antigas historias de Lugo

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

Cando tiña 18 anos e se enfrontaba á difícil situación de elixir o camiño formativo a seguir, o corazón pedíalle estudar Belas Artes, pero a cabeza tirou cara un lado totalmente oposto: «Dixéronme que se non quería morrer de fame buscara outra alternativa». E decantouse por Física, unha carreira que lle abriu as portas da docencia, a súa profesión desde hai dúas décadas. Pero a Ana Moreiras sempre lle quedou unha espiña cravada, que hai pouco desquitou, e amais por partida dobre. Recorreu á ilustración para recoller as inquedanzas en dous eidos ben distintos: a educación e a narración oral.

Despois dunha estadía dun mes en Ottawa (Canadá), no marco dun programa educativo, a profesora do IES A Cachada decidiu plasmar nun diario de viaxe o sistema formativo que alí descubriu, comparándoo co galego. «O que máis me chamou a atención é a lentitude coa que se vive alí, todo se toma con moita máis calma ca aquí. É certo que a xente produce menos, pero é máis amable e, dentro do que o clima lles permite, máis feliz», explica Ana Moreiras, quen, como era de esperar, quedou marabillada coa natureza: «É incrible e axuda moito a gozar do tempo libre».

En Ottawa meets Galicia a profesora reflicte como esa calma do día a día se transmite á escola: «Alí impártense catro materias por curso e, polo tanto, catro materias por día, polo que non se percibe ningún tipo de estrés nas aulas; ao contrario, os mestres teñen tempo de sobra para explicar os contidos con claridade e os rapaces traballan ao seu ritmo. Emprégase moito a aprendizaxe por proxectos, que consiste en que os alumnos realicen traballos sobre os temas a tratar». E contrapón esa situación para ela idílica á que se vive nos colexios galegos: «Aquí hai un exceso total, con 13 materias por semana. Está todo desbordado, tanto a nivel de contidos como de número de estudantes por aula».

Exaltación do rural e da muller

E despois desa primeira experiencia como ilustradora, Ana Moreiras lanzouse á segunda, unha obra de banda deseñada que está integrada por dez relatos ambientados na aldea luguesa de Friol, de onde ela é orixinaria: «Son contos de ficción, pero que están baseados en historias que eu lle escoitaba de pequena á xente maior». En Madialeva, como se titula o libro, trata de perpetuar unha parte importante da narración oral que ameaza con morrer para sempre, pero tamén persegue outros fins: «Quería exaltar o rural, porque me entristece moito o abandono ao que está sometido actualmente, e tamén renderlle homenaxe ás mulleres, que foron as miñas fontes para este libro, porque elas constituíron os piares das casas».

E optou tamén nesta ocasión por debuxar esas historias: «Non había nada desde o punto de vista feminino e desde o gráfico sobre o rural galego, por iso pensei que sería unha boa idea». E semella que o foi. Ana Moreiras recorreu á petición de donativos a través dunha campaña de micromecenado para reunir os fondos precisos cos que autoeditar o libro e, superado este primeiro reto lanzouse ao segundo chanzo: a distribución da obra. Xa leva vendidos medio millar de exemplares, o que constitúe un impulso para seguir neste camiño da ilustración: «Estou moi contenta cos resultados e disposta a afrontar novos proxectos, se ben é certo que polo de agora non teño ningún enriba da mesa».

Si ten claro que seguirá loitando desde as aulas por achegar o seu gran de area para que un día a igualdade sexa real: «Trato de involucrar ás nenas no mundo da ciencia e da enxeñería, porque son eidos nos que a presenza da muller segue a ser inferior e moi necesaria». A medida que vai falando deste tema en ton claramente reivindicativo, Ana Moreiras deixa caer o que ben podería ser o tema do seu próximo libro: «Non me puxen aínda a tratar este tema na banda deseñada, pero calquera día...».