Ciencia entre sándwichs, cervexas, bombardeo intenso e plantas invasoras

J. SIEIRA

BOIRO

A maior parte dos clientes do bar seguiron con atención as conferencias científicas.
A maior parte dos clientes do bar seguiron con atención as conferencias científicas. DANI GESTOSO

Bares de Boiro participan no festival Pint of Science, unhas charlas que se celebran simultaneamente en 27 países para achegar a ciencia á poboación

20 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Se hai un negocio abundante en Boiro ese é o da hostalería. Polo tanto, é boa idea escoller estes establecementos para achegarse ao público, e máxime cando o que se pretende é divulgar algo que non está ao alcance de calquera, neste caso, a ciencia. Pode chocar cando a un lle contan que nun bar asistiu a dúas conferencias científicas, e máis aínda cando lle engaden que en Boiro non foi un día só, senón tres e en senllos locais de moda, promovidos por unha organización internacional, a complicidade dos propietarios e a comunidade científica.

Xa o dicía a canción de Gabinete Caligari que os bares son «lugares tan gratos para conversar», e no Guilligams desembarcou o festival Pint of Science o luns, na que foi a primeira parada dunha tripla cita que tiña continuidade onte na Terraza do Furancho, e remata este mércores no pub restaurante Ginlab. O que sucedía en Boiro tiña (e ten) réplica en outras 113 cidades españolas, pero tamén en 27 países de cinco continentes, o que se encargou de explicar a boirense Noa Caramés, profesora da Universidade de Vigo, e responsable da dirección da cita.

En primeiro lugar informou aos numerosos asistentes de que Pint of Science é un festival de divulgación científica que se celebra en bares e que nesta edición sumará, dende o luns e ata hoxe, unhas 1.300 charlas en España.

Noa Caramés, Felipe González, Isabel Rebollido e Alberto Gutiérrez.
Noa Caramés, Felipe González, Isabel Rebollido e Alberto Gutiérrez. DANI GESTOSO

No Guilligams interviñeron Felipe González Outeiriño, da Universidade de Santiago; e Isabel Rebollido Vázquez, da Axencia Espacial Europea. O primeiro falou das especies vexetais invasoras, centrándose na Tradescantia fluminensis que abonda nas ribeiras dos ríos; e a científica boirense desenvolveu a conferencia Da orixe da auga e porqué 3I/ATLAS é unha pedra.

Chegada e expansión

Felipe González explicou como chegou á Península a Tradescantia fluminensis, tamén coñecida como «amor de home» e «orella de gato», procedente de Sudamérica. Detallou os problemas que está a crear, xa que é moi abundante e espesa, especialmente no desenvolvemento doutras plantas autóctonas, pois reduce a chegada da luz solar e elimina a flora local. Ademais, enumerou os métodos máis adecuados para acabar con ela, e deixou constancia do pouco ou nulo compromiso da Administración para loitar contra unha especie que se estende por toda España.

A continuación, desenvolveuse un concurso tipo Trivial para pulsar os coñecementos científicos do público, antes de que Isabel Rebollido se puxera á fronte do acto para desenvolver unha non menos interesante charla sobre a orixe da Terra, aparellada á orixe da humanidade.

Rebollido fixo un percorrido pola formación do planeta hai 4.543 millóns de anos e a aparición do primeiro vestixio de vida. Falou de como foi clave o que se chama bombardeo intensivo tardío, que consistiu na colisión de numerosos meteoritos e corpos contra planetas e satélites do sistema solar, e que deron lugar, por exemplo, aos cráteres que se poden ver na superficie lunar. A consecuencia dese cataclismo, apareceron elementos fundamentais na Terra, como a auga.

A científica desmontou mitos, como o do 3I/ATLAS, que é un cometa interestelar e que en redes se estendeu que era unha nave e resultou ser unha pedra. Tamén explicou por que Plutón deixou de ser planeta, xa que incumpre condicións para selo, e que se fose un planeta, habería que cualificar igual centos semellantes que orbitan no sistema solar. A enxeñeira astrofísica atribuíu a consideración de planeta a que foi descuberto por un americano.

A primeira parada do Pint of Science xuntou moito público que entre ruídos de bar, cervexas e sándwichs aprendeu un pouco máis sobre as orixes da humanidade e especies invasoras.

Onte trasladábase o festival á Terraza do Furancho, onde Yeray Folgar Cameán ía dar a charla As células son moi boas dicindo non; e Sergio Fernández Boo, Adaptación dos moluscos ao cambio climático.

Hoxe, ás 20.00, é a quenda de Cultivo in vitro de especies forestales, por Pablo Manuel Piñeiro Insua; e Entre Google, a IA e a présa: Quen pensa hoxe?, de Milagros Torrado Cespón.