Tania Fuegho: A estrela que xa brilla ao outro lado do charco

Xoán r. Alvite MAZARICOS / CORRESPONSAL

MAZARICOS

cedida

Despois de triunfar en Arxentina, a artista busca o recoñecemento do público na súa Galicia

21 abr 2019 . Actualizado a las 08:57 h.

Dificilmente podía imaxinar Tania Rodríguez (Mazaricos, 1989) canto ía cambiar a súa vida aquel concurso de talentos da Televisión de Galicia ao que se presentou con apenas 18 anos. E iso que nin sequera o gañou. Conseguiu, sen embargo, algo moito máis importante: que o público empezase a recoñecela pola súa impresionante voz e pola soltura coa que se movía tanto no escenario como diante das cámaras. «Recordo que a todos lles chamaba moito a atención como falaba co seseo e a gheada propios de Mazaricos. Nunca quixen agochar de onde veño nin como son. Falo como falei sempre e, afortunadamente, a xente non so o aceptou senón que tamén o valorou positivamente», explica a artista, que precisamente se gañou o apelativo de Fuegho que acabou adoptando como apelido artístico.

Esa naturalidade serviulle para participar en distintos espazos da televisión autonómica e, principalmente, para gañar un posto no programa Luar, onde leva anos compaxinando as súas actuacións musicais cos labores de xurado no Recantos, un concurso no que moitos mozos perseguen, como fixo ela, o soño de poder dedicarse de forma profesional ao mundo da música. «O Luar é un trampolín marabilloso ao que sempre estarei agradecida porque me permitiu e permite facer cousas inimaxinables para min», comenta Tania, que di recordar sempre a primeira vez que fixo un dúo con Mónica Naranjo, unha das súas artistas preferidas: «Mónica non só é especial como intérprete senón que tamén é unha persoa estupenda. É unha das miñas cantantes favoritas e foi un privilexio poder compartir escenario con ela».

Un privilexio que se repetiu noutras tres ocasións, nas que a propia artista catalá pediu explicitamente á produtora do programa poder cantar con Tania Fuegho. Sen embargo, ela nunca se conformou con compartir escenario con artistas tan recoñecibles como Albano, Andy e Lucas, Camela ou Francisco -ao parecer o alacantino quedou impresionado co torrente de voz da mazaricana-, senón que seguiu compaxinando os seus estudos de canto coa súa carreira persoal, na que tamén comezou a compoñer as súas propias cancións. Algunha delas con notable éxito, xa non só en Galicia, senón incluso en Arxentina, onde temas seus cantados en galego como Estrelas por compartir ou Emigrante conseguen situarse nos primeiros postos das radio fórmulas dese país. 

Mellor solista

No 2015 incluso logrou o premio á mellor solista española na radio arxentina Elegidos45, por diante de artistas como Malú ou Rosa López. Ao ano seguinte volvería gañar na categoría de mellor interpretación, despois de alcanzar o número un e manterse durante 25 semanas no top 10 con O imposible.

Agora quere conseguir o mesmo en Galicia e para iso dedica os seus esforzos a unha xira que a levará a diferentes lugares do país e coa que quere dar a coñecer a súa música: «A maioría da xente coñéceme máis polas versións que fago para a tele que pola música que compoño. Cando remato cada concerto, a xente queda sorprendida de coñecer a unha Tania diferente. Din que a miña música é mestizaxe puro, que pasa por diferentes paus, mesturando dende a bossa e o pop máis acústico ata o máis eléctrico, incluso con algún tema con toques flamencos».

Dende principios deste mes está dispoñible nas principais plataformas dixitais Rinquilinterna (CAP I), un avance do disco que publicará cando remate a temporada de concertos e que contén catro temas nos que pon de manifesto a súa versatilidade como artista. Tamén acaba de publicar -está dispoñible na súa canle de Youtube- o videoclip Corazón inquieto, gravado nunha das súas últimas actuacións en Mazaricos.

Sen embargo, será necesario ir a un concerto para coñecer todas as cancións do disco: «Decidimos dividilo en dous capítulos e así agradecer a súa fidelidade ao público que asiste aos meus concertos. Só nas actuacións se poderá coñecer o contido completo do traballo. É a nosa maneira particular de dar as grazas pola confianza e o cariño que vimos recibindo da xente que nos escoita». Un afecto que Tania leva anos gañándose co seu bo facer sobre os escenarios, pero tamén coa súa simpatía e naturalidade.