Xulia Nieto: «Ninguén debería deixar de debuxar polo simple feito de facerse maior»

xoán r. alvite MAZARICOS / LA VOZ

MAZARICOS

ALVITE

A mazaricana acaba de colaborar con Henrique Albarellos nun libro de contos

08 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi unha desas nenas que sempre tivo claro ao que se quería dedicar de maior. Aínda que recoñece ter tido moitas dúbidas sobre cal era a súa verdadeira vocación, Xulia Nieto Pereira (Mazaricos, 1990), sabía con seguridade que o seu era o mundo da arte e da imaxe. «Dende ben cativa me gustou moito debuxar. Creo que sempre dixen na casa que quería ser artista. Non sabía xusto en que, pero artista», sinala, ao tempo que comenta a frustración que lle supuxo o mundo da moda no que iniciou a súa formación na Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo.

«Non me chegou a encher ese campo porque vexo as modas como algo pasaxeiro e artificial, que xogan coas aparencias. Asócioas máis ao postureo», explica. Ao mesmo tempo recoñece que si lle atrae moito o deseño en xeral, e moitos dos traballos creativos vinculados ao mundo da moda, principalmente a aquela menos comercial. «Digamos que me gusta máis todo aquilo que é máis persoal e íntimo».

Despois desa mala experiencia, pasouse á fotografía onde estivo dous anos e onde se convenceu de que o que verdadeiramente lle gustaba era o debuxo. Así que, non dubidou en facer as maletas e marchar cara Granada para facer o ciclo superior de ilustración. «Sempre tiven esa espiña de estudar algo relacionado co debuxo e a ilustración que é do que máis se aproxima ao que sempre me gustou facer. Crear imaxes e que con elas poidas expresar e facer sentir cousas a quen as ve é algo que me parece emocionante. Alégrame moito ser desas nenas que nunca deixou de debuxar. De feito, ninguén debería deixar de debuxar polo simple feito de facerse maior».

Novo reto

Xulia non só seguiu debuxando, senón que agora afronta un novo futuro profesional coa publicación do libro A nena que abrazaba ás árbores, onde ilustra un conto de Henrique Albarellos que trata sobre unha pequena á que os seus pais lle regalan un freixo polo seu terceiro cumpre anos. Unha fermosa historia na que a mazaricana comezou a traballar con moito respecto e coa que acabou encantada. «Foi unha experiencia moi enriquecedora. Un proceso no que ademais de aprender moito, tiven a sorte de traballar co autor co que me entendín realmente ben. Ben é certo que cando xurde un encargo coma este hai que superar ese temor inicial a non equivocarse, a facelo ben. Canto isto sucede é cando realmente se desfruta de todo o proceso creativo», explica a ilustradora, que utilizou a acuarela, con trazos de grafito e lapis de cores para elaborar as 14 pezas que se inclúen no libro.

Un debuxos que, como ela mesma recoñece, saíron mais das súas propias vivencias persoais que da inspiración coa que adoita a relacionarse todos os procesos creativos dun artista. «O da inspiración é un termo complexo. Como ben me ensinou un profesor que tiven, todos temos o noso saco, e nel imos levando todo o que dalgunha forma nos vai aportando unha canción, un abrazo, o tacto dunha pedra, unha luz, un son, un sorriso, unha película, imaxes, pequenos detalles ou experiencias. Todo iso que vas gardando no teu saco é o que condiciona como es e o que creas», sinala.

Aínda que di estar asimilando as excelentes críticas coas que os electores recibiron o libro tamén recoñece estar disposta a afrontar novas encargas e proxectos sabedora das dificultades que, dende o punto de vista laboral, ten o mundo da ilustración.

Neste sentido, non dubida en criticar o escaso recoñecemento social que ten a súa profesión. «Penso que ao mundo da arte e, en xeral, ao da cultura non se lle da o valor que realmente ten. E iso que o mundo cada vez se move máis nun entorno visual. Hai unha idea xeneralizada e incorrecta de que os creativos temos un don e creamos da nada, sen esforzo. Créese tamén que como gozamos do que facemos xa non merecemos cobrar. Lamentablemente, moita xente segue a descoñecer o enorme esforzo e dedicación que hai detrás da creación artística».