Montse París: Unha ruta inclusiva pola historia de Muros

Uxía Pérez / A. G. RIBEIRA / LA VOZ

MUROS

laura martelo

A iniciativa turística xa é accesible para visitantes con discapacidade auditiva

18 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O que foi un soño para o párroco de Muros Alfonso Mera no ano 2009, é agora unha realidade. Grazas a súa iniciativa turística, Auga e Sal, os visitantes poden gozar da vila dunha forma diferente: mergullándose na historia e coñecendo a súa identidade a través do pasado, tendo en conta a gran importancia dunha arraigada tradición mariñeira.

Dende o traslado de Alfonso Mera a Ribeira, no 2017, Montse París, a coordinadora do proxecto, e José Daniel Pérez, o actual párroco, continuaron avivando o seu legado. Ambos, xunto coa Asociación Sociocultural Auga e Sal, seguen actuando para mellorar as experiencias dos visitantes que chegan á vila.

Nos comezos da iniciativa, no 2013, tan só estaban establecidos dous itinerarios: a visita guiada á colexiata, coa colección de arte sacro, e a ruta do santuario da Virxe do Camiño, dedicada á peregrinación dende Santiago de Compostela. Agora, unha persoa pode chegar a vivir ata seis experiencias diferentes, nas que se inclúen moitos outros puntos de interese, como por exemplo o centro de interpretación ou un percorrido pola historia relixiosa da localidade.

Unha das relacións máis importantes de Muros é o vínculo entre a cultura e o mar, nexo que tamén se amosa nun menú denominado Auga e Sal. Nestas comidas, un pode deleitarse coas diferentes variedades culinarias que ofrecen as augas da ría.

A colexiata, que data de 1500, está situada na igrexa de Santa María, e é o epicentro de todos os percorridos. A entrada ao santuario é libre. Dende aí pódese acceder ás tres salas de exposicións permanentes, ademais da torre da igrexa parroquial.

Calquera pode participar nas rutas, e incluso emprender os itinerarios que desexe individualmente. Os carteis localizados ao longo de todo o percorrido están dispoñibles en tres idiomas: galego, castelán e inglés. A partir deste ano, a nova incorporación coa que contan estas visitas a Muros é a linguaxe de signos, que tamén aparecerán nos carteis con códigos QR.

Chegar a máis persoas

Dende este mes, as persoas con discapacidade auditiva poderán descubrir a historia de Muros polo seu propio pé.

Montse París, coordinadora do proxecto, conta como dende a asociación Auga e Sal están dando pasos para achegar as rutas a todos aqueles con diversidade funcional, como por exemplo as persoas invidentes.

Nos últimos anos e, grazas ao impulso que están tendo as visitas á zona, moita máis xente descobre a vila e os seus encantos. Por iso, facilitar a realización das rutas a persoas con diversidade funcional tamén favorecería o crecemento turístico da vila.

Montse París asegura que «cada vez máis xente pode acceder a pezas históricas, e por iso aumenta a afluencia de persoas a Muros». Os percorridos non fan máis que axudar ao turismo, polo que a coordinadora do proxecto afirma estar «moi contenta coa divulgación e co resultado que está tendo a iniciativa». Un dos grandes impulsos neste traballo de divulgación son os proxectos audiovisuais que se están levando a cabo, como as proxeccións nas paredes contando antigas historias, ou os vídeos que se atopan na súa páxina web, tamén en linguaxe de signos.

Os contidos das rutas permanentes poderanse ampliar grazas as visitas guiadas que se están levando a cabo. Ademais de toda a información sobre as rutas, na súa páxina web, murosaugaesal.com, tamén se poden atopar multitude de vídeos explicativos e información turística detallada sobre a zona.

A finalidade do proxecto é que os visitantes interpreten por eles mesmos o pasado e o presente de Muros. Ao mesmo tempo, que teñan a posibilidade de descubrir a súa riqueza.

A oferta. A información en linguaxe de signos está dispoñible dende este mes.

Inquedanzas. A coordinadora indica que o propósito é que «todos poidan participar nas rutas».

 Novidades. Na actualidade hai dispoñibles ata seis rutas pola localidade.