Alberto Bahamonde: «Queremos ter tódalas categorías base»

S. GÓMEZ S. GÓMEZ

NOIA

CARMELA QUEIJEIRO

Directivo do club, aposta por dotar de maior empaque á canteira

11 dic 2018 . Actualizado a las 12:17 h.

Alberto Bahamonde (Noia, 1972) tomou a responsabilidade de dirixir ao Cruído. Directivo do club, aposta por dotar de maior empaque ás categorías base. Sabe que é tarefa complicada en Lousame, aínda que confesa que pelexarán ata o último intre para acadalo.

-¿Cal é o obxectivo cos sénior?

-En principio pensamos en disputar a promoción. Era a meta deste ano, pero debido ás lesións e a que moitos xogadores non puideron acudir por traballo foise complicando. Temos rapaces novos e a adaptación custou. A pesar de comezar ben, levamos uns partidos malos, pero pouco a pouco parece que colleremos a senda da vitoria.

-¿Que Cruído lle gusta ver?

-Depende moito do terreo de xogo no que vaias a competir. En Palmeira, por exemplo, tivemos que xogar en longo, porque o campo estaba impracticable. A nós gústanos saír dende atrás, tocar o balón e contamos con xente arriba con bastante pegada.

-Teñen marxe aínda para alcanzar a fase de ascenso.

-Si, ademais adoitamos facer mellor as segundas voltas. Estamos a poucos puntos da promoción e faltan os encontros contra rivais directos, como Aguiño, Lampón e Oleiros, polo que aínda dependemos de nós.

-¿A quen ve como candidato para loitar polo título?

-Tódolos conxuntos están ben traballados e pelexamos polo mesmo. O Artes é o máis forte, está a bastante distancia do resto na táboa, pero acostuma a virse abaixo nas segundas voltas.

-O Furia está preto do Artes. Quédalles moito que roer.

-O Furia na súa casa é moi duro, aínda que fóra é máis frouxo. Están moi ben adaptados ás dimensións do seu campo. Levan moito tempo xogando xuntos.

-Está ademais na directiva do Cruído. ¿Que é o que lle motiva?

-Queremos ter tódalas categorías base. Considero que a canteira é clave para formar e educar aos rapaces. Témolo complico. Somos unha aldeíña, pero seguirémolo intentando.