Noia chama ás plumas aventureiras

La Voz

NOIA

marcos creo

O certame Antón Avilés de Taramancos chega á súa edición número 18 dotado cun premio único de 3.000 euros

19 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Noia vén de convocar unha nova edición, a número 18, do seu certame literario creado na honra de Antón Avilés de Taramancos. Trátase dun concurso de relatos de aventuras, de aí que a imaxinación e a capacidade de sorprender serán, de seguro, dúas das características que terá en conta o xurado. Promover a escrita e a lingua galega son os grandes obxectivos dunha iniciativa que trata de rexurdir despois de atravesar un baixón.

No ano 2017, o certame quedou deserto, despois de que o xurado considerase que os traballos que concorrían non acadaban os mínimos esixidos e, na pasada edición, só se presentaron unha ducia de relatos. Aínda así, o Concello de Noia, que conta coa colaboración da revista Casa da gramática do IES Virxe do Mar, está disposto a seguir chamando ás plumas máis aventureiras. Emprega como gran reclamo un premio de 3.000 euros en metálico. Ademais, o traballo gañador será publicado por Toxosoutos.

Límite, o 8 de abril

Aqueles escritores que desexen probar sorte deben ter en conta que o prazo para remitir os traballos á casa consistorial noiesa concluirá o 8 de abril. As obras, encadradas sempre no xénero do relato de aventuras, teñen que estar escritas en galego, ser inéditas e ter unha extensión de entre 70.000 e 100.000 carácteres.

Nas bases que onte se deron a coñecer recóllese que o xurado dará a coñecer o seu veredicto o 10 de maio, no marco dos actos a celebrar con motivo do Día das Letras Galegas. Estará integrado polo alcalde, que actuará como presidente; un membro da revista Casa da gramática e tres vogais do eido da literatura.

O escritor de Nigrán Francisco Fernández Davila resultou o gañador do concurso na pasada edición con Alana, unha novela ambientada na época castrexa que xira ao redor da busca da identidade galega.