O club de lectura María Mariño de Noia acada os 10 anos de historia

M. X. B. RIBEIRA

NOIA

cedida

O grupo ten programada a vindeira cita para o 11 de febreiro, coas obras Carrusel, de Berta Dávila, e Apegos feroces, de Vivian Gornick

23 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai unha década que no seo do IES Virxe do Mar de Noia iniciaba a súa andaina o club de lectura María Mariño, un grupo de afeccionados á literatura que, ademais de aos alumnos, integrou a outros membros da comunidade educativa, fundamentalmente aos pais. Con motivo do aniversario, os integrantes deste colectivo reuníronse no Liceo. Alí estaban a profesora Concha Sabucedo, encargada do deseño do marcapáxinas coa programación deste ano; Xabier Crespo, responsable da biblioteca do instituto; Carlos Maquieira, asesor literario; e Antonio Sánchez, autor de varios carteis.

O acto serviu para facer un repaso pola traxectoria do grupo, que ten organizado diversas presentacións literarias, nas que contou con convidados como Antón Riveiro Coello, Ana Cabaleiro, Montse Fajardo, Ismael Ramos ou Susana Aríns.

Tamén se falou da esencia desde colectivo, «un círculo singular e plural, no que cada persoa é esencial, porque facilita e enriquece o funcionamento do mesmo». E destacáronse as incursións que fai o club en áreas como o cine, o teatro, a música ou o sendeirismo. O grupo ten programada a vindeira cita para o 11 de febreiro. Comentaranse as obras Carrusel, de Berta Dávila, e Apegos feroces, de Vivian Gornick.