Noia, contra Rodrigo de Luna

XERARDO AGRAFOXO

NOIA

Hospital de Adentro, co escudo de Rodrigo de Luna na fachada
Hospital de Adentro, co escudo de Rodrigo de Luna na fachada CEDIDA

O arcebispo de Santiago foi acusado de causar males, roubos e estragos

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O 7 de xuño de 1458 congregouse ante o altar maior do mosteiro compostelán de San Paio de Antealtares unha Irmandade integrada pola nobreza da Terra de Santiago, os representantes do concello desta cidade e os procuradores de Noia e Muros. Os reunidos falaron dos males, roubos e estragos que sufrían por causa de «algunos señores poderosos, en especial, don Rodrigo de Luna, arçobispo de Santiago».

Entre os representantes da nobreza laica atopábanse dúas importantes figuras galegas: Pedro Álvarez Osorio, conde de Trastamara, e Rodrigo Ianes Moscoso, que controlaba dende as ameas do seu castelo de Altamira as terras da Amaía, e gardaba parentesco con varios fidalgos da bisbarra -como os Mariño Lobeira e os Caamaño­- e alianzas comerciais co maior terratenente da zona, o mosteiro de Toxos Outos.

A Irmandade dos concellos e vilas das terras pertencentes á Mitra Compostelá, formando unha liga antiarcebispal, asinaron un programa de acción política -Manifesto de Antealtares- que comezaba recordando de maneira solemne os tres imperativos morais que debía gardar calquera persoa: Todo home é obrigado a morrer por tres cousas: a primeira, pola súa Lei; a segunda, polo El Rei; a terceira, pola cousa pública da súa cidade e liberdade dela.

Inimigos mutuos

Despois de acordar que «non seremos inimigos de nós mesmos», pactaron un extenso compromiso que comezaba apelando á necesidade de facer respectar a xustiza e tutelar con todos os medios a autoridade e atribucións da Coroa.

Máis adiante falaban da obriga de asegurar a orde e a seguridade nas terras dominadas polos funcionarios da Terra de Santiago: Non protexer os malfeitores en prexuízo dos estipulantes e protexer as cidades e vilas asinantes no seu mercado, especialmente no caso de impago de débedas.

Tamén indicaban que non se debían fomentar os preitos e querelas entre vasalos da nobreza e dos concellos da Irmandade. Malia que estaban sometidos aos rexos ditados da poderosa Mitra, indicaban que se debía respectar a xurisdición eclesiástica.

Tendo en conta os abusos cometidos polos cabaleiros, solicitaban que os nobres e as súas xentes non pedisen pousada nas vilas e non se introducisen en cidades e vilas persoas poderosas nin permanecer nelas por máis de tres días e non se empregase a forza contra os veciños. Finalmente, antes de establecer que a Irmandade obrigase a respectar o pactado, sen rescindir ningunha decisión, e que ningún dos asinantes debía pactar por separado co arcebispo de Santiago, expresaban que todos «los visinnos del julgado de noya e alfos de muros entren en la dicha» irmandade.

A partir deste manifesto reivindicativo, a vila de Noia estivo sometida á presión exercida pola clase nobiliaria laica, á Mitra Compostelá e ao rei Henrique IV de Castela. A alta nobreza galega, representada nesta época polos Moscoso, os Osorio e Soutomaior, e que tiña como principal propósito diminuír os poderes dos prelados da cidade do Apóstolo, non terían ningún inconveniente en apoiar as xentes de Noia aproveitando que o arcebispo Rodrigo de Luna estaba na guerra de Granada. Cando regresou, vendo que as portas da cidade de Santiago estaban fechadas, refuxiouse en Pontevedra.