Brais Sánchez, voz de Momboi: «Xogamos a soar coma unha gran banda latina sendo un grupo de rock clásico»

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

NOIA

cedida

La banda de Noia abre este viernes el FIV a las 18.00 horas

16 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo de Noia, Momboi, estréase mañá no FIV buscando aportar un son diferencial e conquistar co seu directo. Esta banda galega leva apenas dous anos formada e, a pesar da pandemia, conseguiu un oco nun dos festivais referentes de Galicia.

—Como comezou o grupo?

—Todos tocábamos en distintos grupos da zona así que tiña que acabar pasando que nos xuntáramos. Gustábanos a todos a idea e estabamos moi motivados para formar o grupo así que foi todo moi natural. Eu ademais xa tiña algunha idea previa e pezas compostas e o resto dos membros uníronse.

—Soades a ritmos latinos.

—Si, bebemos moito dos ritmos latinoamericanos. Somos unha batería, baixo, guitarra, teclado e voz pero gústanos xogar a soar coma unha banda latina, que soen ser grupos grandes con arranxos impresionantes. Igual para tanto non da, pero meter ritmos sudamericanos nunha formación de rock clásico está moi guai. Queremos xogar a facer outra cousas, facer unha chacarera ou unha rumba, que molan tanto como facer un blues.

—Tamén tedes unha parte de folk galego.

—Ao escribir en galego e ter influencias galegas, nótase na forma de construír. Cancións coma «Teresiña», que é a primeira canción que sacamos, pódese considerar folk galego como tal.

—Que queredes crear no oínte?.

—Gústanos crear música nostálxica, con letras imaxinativas e sons persoais. Aínda que tamén nos gusta que sexa bailable, que é por onde vai o novo disco.

—Mellor descubrirvos en corentena ou no FIV?

—Adaptámonos aos dous contextos porque encaixamos perfectamente nunha lista de reprodución relaxada, pero agora estamos rodados en concertos e FIV vai ser unha gran oportunidade. A nosa música está pensada para tocar en directo, para aportar algo diferente.

—En dous anos de rodaxe xa vos colastes no FIV.

—Estamos moi contentos. Nestes anos fomos medrando e saíron as cousas bastante ben. Incluso coa pandemia, que foi un ano estraño porque no ámbito creativo ceo que non nos favoreceu nada, igual que no loxístico. Sen embargo, como grupo ata saímos mellor. Fixemos bastantes concertos e temos moitas ganas de que nos descubran en Lugo.

—Estades traballando no próximo disco?

—Si, está ao 70 %. Aínda que falta o máis importante: o título. Estamos xa con detalles físicos e esperemos que moi pronto xa poda ver a luz.