Mercedes Silva: «Hai que poñer en valor a forma de falar que temos na zona de Noia»

Adriana quesada / M. G. RIBEIRA / LA VOZ

NOIA

MARCOS CREO

A noiesa acumula máis de dous millóns de vistas en TikTok nun vídeo sobre o San Xoán

10 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O confinamento foi un tempo de estancamento económico e social, pero tamén axudou a que afloraran novos talentos e personalidades dentro das redes sociais. Podería dicirse que ese foi o caso de Mercedes Silva (Noia, 2000), que no 2020 atopouse descargando a aplicación de TikTok para loitar contra o aburrimento producido polo exceso de tempo libre que lle daba a pandemia.

«Nun comezo facía vídeos con bailes, como todo o mundo», asegura. Eses tiktoks xa non son públicos, pero foron o seu inicio dentro da plataforma, que abandonou durante unha temporada para, no 2021, animarse a facer vídeos «coma os de Pablo Meixe» baseados no humor e, sobre todo, en Galicia.

O primeiro tiktok de humor que subiu acadou os dez mil «me gusta», o que a animou a continuar facendo este tipo de contido. Tendo vídeos con milleiros de visualizacións, con motivo do San Xoán decidiu compartir cos seus seguidores a tradición das herbas. «Fixen un vídeo moi cutre, mal editado... Un completo caos, pero por algún motivo comecei a recibir centos de notificacións», asegura.

Moito que contar

Neste momento, o vídeo sobre a tradición das herbas de San Xoán acumula 2,5 millóns de visualizacións e é o máis visto do seu perfil. Isto fixo que se decatara de que «a xente goza escoitando falar sobre tradicións galegas, por iso sigo subindo vídeos con este tipo de contido». Ademais, considera que ten moitas cousas que contar porque «en cada zona hai lendas e tradicións propias», polo que hai moitas curiosidades que amosar.

Grazas ao vídeo sobre o San Xoán, Mercedes Silva conseguiu 80.000 seguidores na aplicación de TikTok, e neste momento acumula xa case 130.000. «É moitísima xente a que está mirando o meu contido, chegan a pararme pola rúa e pídenme fotos», comenta sorprendida pola reacción das persoas e asegurando que son xestos que lle fan moita ilusión.

Debido á boa acollida dos vídeos sobre lendas, Mercedes decidiu dedicarse máis a este tipo de contido e deixar un pouco de lado os vídeos humorísticos que facía antes. «Gústame investigar e falar coa xente maior», asegura. Desta forma, non só pretende chamar a atención das persoas de fóra, senón que quere «pór en valor e dar visibilidade a Galicia e toda a historia que a precede».

Diversidade

«Falo castelán nos vídeos para facelos máis accesibles para as persoas que me están vendo dende outros sitios», comenta. Non obstante, sorpréndelle moito a gran cantidade de xente que lle pide que fale en galego e lle comenta que quere aprender o idioma: «Esperábame moitísimo máis odio do que estou recibindo».

Non obstante, ten outro obxectivo que está máis dirixido cara a xente de Galicia: «Hai que poñer en valor a forma de falar que temos en Noia». Esta afirmación responde á cantidade de persoas que se dedican a corrixir os dialectos coma o que ela utiliza, tentando expandir o uso do galego normativo, unha variante que para ela realmente só se emprega nun contexto formal. «É unha forma de falar pouco natural, resulta moi forzada», opina.

«Todas esas persoas que se dedican a corrixir as formas de falar e expresións de cada zona buscando establecer a normatividade conseguen o contrario do que aseguran pretender: que a xente colla medo a falar galego por se a corrixen», afonda Mercedes. «Ademais, o único galego que está mal é o que non se fala», conclúe convencida.

Perfil de TikTok. Os seus vídeos poden atoparse baixo o nome de @totakeki.