Un veciño de Outes pedaleará ata a localidade de Biel, en Suíza, para sensibilizar sobre o abandono de animais

Laura Martelo

OUTES

laura martelo

Colabora cun refuxio de Santiago que, afirma, está saturado.

19 ago 2019 . Actualizado a las 15:39 h.

Calquera que nalgún momento da súa vida coincidira con el sabe que é un home canto menos polifacético. Camareiro de mozo, fotógrafo, organizador de eventos e sobre todo, un fenómeno do futbolín, Guille Somoza Pazos (Outes, 1981) é desa clase de persoas que esperta o mellor dun mesmo cando tes a sorte de compartir momentos ao seu carón. Precisamente, foi o mundo do futbolín o que rematou por ser o seu medio de vida, participando dende moi cativo en competicións que o avalaron como campión de España, mesmo chegando a mover afeccionados dende unha punta do país ata a outra polo simple pracer de velo xogar nunha exhibición.

Pero Guille Somoza é moito máis. Caracterízase por desfrutar facendo deporte ao aire libre e por ser un gran amante dos animais. Son precisamente estas dúas facetas as que o levaron a decidir, tras pasar por unha importante lesión na rodilla, colgar as alforxas na bicicleta e emprender unha viaxe de 2.000 Km que conta concluír en algo máis de 30 días: «A idea é adicar un mes cada ano para ir facendo o camiño e percorrer Europa». Cando se lle pregunta o motivo, indica: «Facendo cousas positivas veñen de volta outras máis positivas, por iso decidín facer esta viaxe para concienciar sobre o abandono dos animais».

Colaborador do refuxio de animais de Bando, situado no Concello de Santiago de Compostela, comparte esta preocupación coa directora da entidade, Olalla García Martínez, tamén orixinaria de Outes. A tendencia, segundo explicaba Olalla, cambiou e a xente tomou máis conciencia en canto ao trato e ao abandono, pero aínda queda moito por facer. «A idea é que isto sexa un lugar de paso no que queden o menor tempo posible, pero para algúns é a súa casa ao final». É por isto que moitos centros coma o de Bando atópanse practicamente saturados, atendendo casos que chegan dende concellos limítrofes e mesmo doutros mais afastados da capital. Precisamente unha das demandas que puxeron enriba da mesa foi que os concellos incorporen protocolos de recollida de animais que conten con locais adecuados, garantan un bo trato e faciliten que as familias poidan recuperar ás súas mascotas. Somoza apuntou a unha razón económica que supoñería «unha cantidade moi pequena».