Francisco Lires: «Os mestres sentimos que non participamos nas leis educativas»

Francisco Brea
Fran brea RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

MARCOS CREO

O docente de Outes está á fronte dun colectivo que representa a todos os directores dos centros de Galicia

15 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Lires (A Serra de Outes, 1973) é o presidente da Fegadicep (Federación Galega de Directivos de Centros de Ensino Público) desde hai oito anos. Lires afirma que o seu vínculo coa ensinanza ten parte de vocacional. Chegou a mestre a través da música, mundo no que participou activamente ao formar parte dunha banda, dunha charanga e ata dunha orquestra. Agora, Francisco Lires está á fronte dun colectivo que representa a todos os directores de Galicia: «Este ano logramos ter presenza na xunta autonómica de directores», apunta.

-Cal é a función da Fegadicep?

-Nós facemos de punto de unión coa Administración. Trasladamos as demandas que nos fan chegar os directores dos centros. Ademais, tamén impartimos cursos formativos.

-Para vostede, a que retos se enfrontan os centros educativos neste novo curso académico?

-Máis que dos centros, xa vou falar da educación en xeral. Vexo necesario eliminar o exceso de burocracia existente. Cada acto que fai un mestre ten que ir acompañado dun documento, e iso repercute negativamente na parte pedagóxica. Por outra parte, hai que seguir avanzando en aspectos coma o plurilingüismo, as novas tecnoloxías e a diversidade.

-Fala de burocracia, como valora o sistema educativo?

-Dende comezos dos 90 levamos catro leis. Creo que é o momento de chegar a un pacto. Os mestres sentimos que non participamos nas leis educativas. Faranas expertos, pero non sentimos que sexan leis propias. Case parece que se comercializa coa educación, e fálase moito das metodoloxías cooperativas e colaborativas, pero tamén hai que entender que hai rapaces máis analíticos e abstractos e máis cómodos traballando de xeito individual.

-Tamén citou a palabra diversidade, un concepto cada vez máis presente nas aulas.

-Pois si. Cada centro ten, por exemplo, o seu plan de igualdade. A sociedade mudou e a escola tívose que adaptar. Os roles sexuais teñen que desaparecer e neses senso estamos a traballar.

-Como se consegue?

-A utilización da linguaxe en igualdade é un apartado importante. Trabállase nas aulas a educación emocional, o sentido da xustiza, a honestidade, valores...

-Pero, neste apartado tamén terá algo que facer a familia.

-O ensino é cousa dos colexios, pero a educación familiar é o máis importante. Agora mesmo, na maior parte dos casos traballan os dous membros da parella e a atención aos nenos é menor que hai anos. Vemos que hai alumnos aos que lles temos que ensinar a comportarse antes que os contidos das materias. Os pais e as nais teñen que poñer os valores e as normas.

-Os mestres senten que hoxe en día os pais dos alumnos cuestionan o seu traballo?

-Estanse a dar casos. Non é algo xeral nin que suceda a diario, pero é certo que cada vez a escena é máis habitual. Cuestiónase o labor do profesor cando, en teoría, hai que confiar en que é un profesional cualificado. Isto antes non pasaba. Todos os mestres se esforzan porque queren sacar o mellor dos seus alumnos. Eu non poño en dúbida un diagnóstico médico.

«A tecnoloxía é un recurso moi potente e interesante»

Os tempos cambian e os mestres e os centros educativos teñen que adaptarse e evolucionar.

-As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes no ensino. Como valora o seu impacto?

-Vivimos nunha sociedade tecnolóxica e os nenos teñen a vantaxe de criarse nela. Son unha ferramenta, un recurso máis, cada vez máis importante nas aulas. Os alumnos poden buscar a información e para eles é máis atractivo. Isto non significa que se deixe de traballar en papel.

-Hai quen pensa que isto provoca que as novas xeracións non lean ou escriban correctamente.

-Ten que haber un complemento. Por usar as novas tecnoloxías non hai que deixar de ler, escribir ou redactar. A tecnoloxía é un recurso moi potente e interesante e os rapaces teñen que ter a capacidade analítica de filtrar toda a información que ofrece.

-Fóra das aulas tamén ten o seu peso. Considera un problema real entre a mocidade a aparición de casas de apostas e a través de Internet?

-Na Fegadicep é algo que preocupa moito. Entre os alumnos de secundaria as apostas están cada vez máis presentes, tamén nesta zona. É un problema serio que hai que combater.

-Que medidas se poderían adoptar para facelo?

-Penso que salóns e máquinas de xogo deberían estar restrinxidos a maiores de idade e non estar presentes na contorna dos centros educativos. Hai que impedir que os mozos teñan un fácil acceso ás apostas. Nas vilas pequenas non tanto, pero nas cidades esta é unha cuestión que xa está a xerar moita preocupación.

-Tamén hai xente que considera que os mozos de agora mudaron o seu comportamento en relación a xeracións anteriores.

-A sociedade mudou. Agora os nenos teñen acceso a practicamente todo. É certo que en secundaria aumentaron o número de expedientes abertos por faltas de respecto, casos de acoso a través da Rede... Por iso é moi importante o labor dos pais en cuestións educativas.

-Tampouco é fácil conciliar a vida familiar e laboral, e moitos nenos participan en varias actividades extraescolares.

-Hai casos nos que o horario dos rapaces é máis longo que unha xornada laboral. As actividades extraescolares son boas para a formación, pero con xeito. Asistir a unha ou dúas está ben.

-E en Barbanza, como ve o panorama educativo?

-Somos unha zona dinámica e innovadora no referente á formación. Moitos centros apostan por novas tecnoloxías e idiomas. Na comarca o futuro é bo porque estase a facer un bo traballo.