O perigo de baixar a garda

PORTO DO SON

16 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un ano a estas alturas, nestas mesmas páxinas, dábase conta dos labores que aínda se estaban a desenvolver para apagar por completo un gran incendio declarado varios días antes en Porto do Son e que afectou tamén ao veciño municipio de Ribeira. Este ano a situación é ben distinta. No que vai de verán aínda non se produciu na comarca ningún lume tan devastador coma o de hai doce meses e o número de fogos forestais é inferior ao rexistrado noutros estíos. Esta vez, o problema téñeno en Ourense -provincia na que se atopan seis de cada dez hectáreas queimadas- e dende aquí miramos cara o interior de Galicia entre aliviados, porque desta volta a lacra incendiaria non se está a cebar coa comarca, e expectantes, sabedores de que a ameaza do lume está sempre á espreita e pode presentarse en calquera momento.

A situación é diferente tamén no que ten que ver coas condicións meteorolóxicas. Salvo días contados, as temperaturas están a ser moito máis suaves que o verán pasado e, aínda que poucas, caeron algunhas pingueiras que máis dun recibiría entre maldicións por amolarlle o día de praia, pero que moitos agradecerían porque contribuíron a aliviar a seca no monte.

Dicía Alberto Pego, presidente da comunidade de montes de Posmarcos ata que perdeu a loita contra o cancro hai uns días, que a prevención dos lumes ten que facerse no inverno. Pero parece que esa forma de pensar non está demasiado estendida, polo menos non entre as autoridades que se encargan das políticas forestais, porque un ano despois do negro agosto do 2016 hai cousas que non cambiaron.

A maleza segue presente na maior parte do territorio porque a prevención, coas tarefas de desbroce e limpeza, se seguen a deixar para o verán. Ese traballo continúa a encomendarse ás brigadas contraincendios, que, de novo, chegan tarde. Non por culpa súa, claro. A responsabilidade será da Administración, da burocracia ou da falta de previsión. Pero o caso é que superado o ecuador da época de alto risco de incendios segue faltando persoal nos montes.

As brigadas forestais non están traballando a pleno rendemento, hai concellos que aínda non completaron o proceso de contratación, e con este panorama pouco menos queda que darlle as grazas á divindade ou á fortuna porque non hai incendios. Pero pode chegar un día no que baixar a garda da maneira en que se está facendo na prevención dos lumes terá consecuencias fatais para os nosos montes. E non haberá deus que o evite.