José Quintáns: «Neste equipo facemos falta todos»

Vivir o deporte rei ao carón do céspede é máis que unha afección, para el é un estilo de vida


José Quintáns (Porto do Son, 1987) pertence a unha estirpe que respira fútbol. Coñecido como o Jatiño polo alcume do seu pai, seus dous irmáns pequenos tamén forman parte do Porto do Son, conxunto que dirixe. Vivir o deporte rei ao carón do céspede é máis que unha afección, para el é un estilo de vida.

-¿Como valora a campaña?

-O certo é que empezamos un pouco frouxos. Temos moitos rapaces mozos e, debido a que traballaban no verán na hostalería, non puidemos facer unha boa pretemporada. Hai poucas cousas seguras, pero se non te adestras é imposible comezar ben.

-Están mellorando.

-Parece que endereitamos o rumbo. Collemos unha boa dinámica de resultados nos últimos dous meses, que foi cando sumamos a maioría dos puntos.

-Parece que Mauro xa se atopa ao seu mellor nivel. ¿Que lle pasou ao comezo do curso?

-Tivo que xogar máis atrasado pola falta de efectivos. Agora está de punta, de referencia arriba, e marca as diferenzas.

-Seu irmán, Jorge, é outro dos pesos pesados do equipo. ¿Cando volverá ao céspede?

-En principio o luns danlle a alta, pero non sei como se atopará do brazo. Fáltalle coller a forma, pero será un reforzo importante se chega para as últimas xornadas. Neste equipo facemos falta todos, non sobra ninguén.

-¿Cal é a vosa meta?

-Queremos sumar o máximo posible e ver ata onde chegamos. A ver se alcanzamos a promoción, senón para o próximo ano.

-¿A quen ve como candidatos a pelexar polo título?

-Sendo sincero, o equipo que máis me gustou foi o Lampón. O Oleiros tamén, pero o Artes, vendo os puntos, é o que mellor está facendo as cousas.

-¿Que fútbol quere practicar?

-Gústame que os xogadores combinen, pero maiormente en campo rival. Non quero correr demasiados riscos atrás, nestas categorías hai moi pouca xente que poida facelo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

José Quintáns: «Neste equipo facemos falta todos»