Construción de dornas en Porto do Son

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

PORTO DO SON

CEDIDA

En 1903 Eduardo Abal Vidal fixo a dorna Dolores, a máis grande de toda a ría naquel tempo

28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As dornas de calime son unhas embarcacións antigas que se constrúen con cinco táboas anchas en cada costado de xeito que o bordo da superior ía montada sobre a inferior. A táboa que vai por riba da liña de flotación recibe o nome de táboa de cubrir. As seguintes son a de virar, a do plan, a da quilla e o par da quilla. Polo interior van reforzadas con listóns. A roda de proa é vertical por riba da auga e únese á quilla cun arco de 90 grados, e a estampa de popa vai inclinada cara atrás acubillando o temón que cala algo por debaixo da quilla. Para navegar usan a vela de relinga, e tamén ao terzo. Levan dous remos que se empregan cruzados. Basicamente, fanse dous tipos de dornas. As máis pequenas, chamadas polbeiras, destínanse á captura de polbos e luras, e as máis grandes, chamadas xeiteiras, á pesca da sardiña coa arte do xeito. A partir de 1940 comezaron a facerse dornas de tope, empregando cadernas.

No concello de Porto do Son, contrariamente ao que se pensaba, construíron dornas un bo número de carpinteiros de ribeira demostrando a importancia deste gremio na ribeira sur da ría.

Desde 1844 aparecen rexistradas 29 dornas en Porto do Son, se ben non figuran os carpinteiros que as construíron. En 1880, Antonio Ben realizou 11 dornas, Segundo Abal 6 e Andrés Domínguez 1. En 1881 Manuel Amar 3 e, en 1900, José Tomé Avilés 4.

Para locais e de Noia

Juan de Dios Romay, entre os anos 1903 e 1905, construíu 54 unidades en Portosín para outros tantos armadores locais e catro de Noia. As máis pequenas, de catro metros de eslora, custaban 70 pesetas, e as máis grandes 90.

Eduardo Abal Vidal construíu 10 dornas entre 1903 e 1916 para outros tantos armadores da vila sonense. A dorna Dolores, construída o primeiro ano, tiña 7,40 metros de eslora e un arqueo de 3,70 TRB (tonelaxe de rexistro bruto). Custoulle ao armador sonense José García Gines 425 pesetas. Foi a dorna de maiores dimensións construída nos estaleiros da ría de Muros e Noia durante o período 1901 a 1950.

José Tomé Avilés, entre os anos 1904 e 1941, construíu 11 dornas de diferentes tamaños para dez armadores de Porto do Son e un de Carreira por un valor que oscilaba entre as 100 pesetas, a máis pequena, de 4 metros de eslora, e 425 a máis grande, de 5,30 metros.

Eladio Santos Carou, entre 1904 e 1926, construíu 14 dornas para 12 armadores locais e outros dous de Noia. A máis grande medía 6,30 metros de eslora e custoulle ao armador Manuel Castelo Sobrido 450 pesetas. As máis pequenas, de 3,30 metros de eslora, que foron para Noia, 200.

Gerardo Santos Santos construíu dúas dornas grandes para armadores de Porto do Son e outra máis pequena para un armador de Baroña.

Outros pequenos

Ademais destes, houbo outros pequenos carpinteiros de ribeira que tamén construíron dornas no concello sonense: Manuel de Dios Romay, Ramón García, Saturnino Agraso Rodríguez, Gumersindo Laíño Fandiño, Juan Fernández González, e Manuel Piñeiro Calo, en Portosín; José María Abal Vidal, José de Dios Romay, José Reirís Sieira, Manuel Martínez Montes, Juan Ramos Romero e Antonio Tomé Avilés, en Porto do Son; e José Priegue Rama (dúas, en Baroña). En total, realizaron 14.

No período 1844-1950 construíronse nos distintos estaleiros da ría de Muros e Noia un total de 246 dornas, das cales 160 (o 65,04 %) saíron dos pequenos talleres dos carpinteiros de ribeira de Porto do Son.

A dorna Graviña, sobre a area da praia da Arnela, no Porto do Son