Francisco Alcalde: «Temos o compromiso de Mar de garantir o cumprimento da normativa de etiquetado»

Ana Gerpe Varela
a. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

O responsable destaca a importancia social e económica que ten o cultivo de molusco na ría de Arousa

19 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda quedan moitos retos por conseguir, pero Francisco Alcalde García (Taragoña, 1973) síntese moderadamente satisfeito co traballo desenvolvido ata agora e, de xeito especial, polo aumento do número de operadores certificados coa denominación de orixe protexida do mexillón (DOP), «o que permite garantir a demanda de subministro». O presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galicia subliña que se deron pasos importantes e que a entidade está inmersa en destacados proxectos de I+D+i.

-¿Como avanza o proceso de consolidación da DOP?

-Elaboramos un novo regulamento, porque o existente era do ano 2000 e precisaba unha adecuación ás novas normativas. Xa foi aprobado polo pleno e agora está na fase de revisión xurídica por parte da Consellería do Mar. No eido do mercado e do sector, por solicitude dos operadores modificamos as condicións da DOP, pasando de 40 pezas en quilo de molusco a 70. Fixémolo para poder competir no ámbito europeo, porque existe un mercado que demanda un mexillón máis pequeno e deste xeito ábrensenos máis posibilidades. Ao mesmo tempo, fixemos unha regularización do número de inscritos no Consello Regulador. Isto verase materializado coa publicación do novo regulamento. Aumentouse o número de operadores certificados e así garántese a demanda de subministro. Hoxe hai dúas mil bateas e máis de 70 empresas que comercializan o produto de DOP.

-Un dos cabalos de batalla é o fraude no etiquetado.

-Utilízanse mencións incompatibles coa DOP e a raíz da sentenza da Audiencia de Pontevedra, que nos dou a razón, recibimos moitos apoios, ata do propio parlamento europeo. Estábamos dispostos a presentar unha demanda, pero temos o compromiso de Mar de garantir o cumprimento da normativa de etiquetado, que dará traslado tanto ao servizo antifraude de Medio Rural como ao Instituto Galego de Consumo para que actúen en consecuencia e repoñan a legalidade do etiquetado nas conservas e transformados.

-¿Como ve a situación do sector na ría de Arousa?

-Este é un ano de excelente calidade para o mexillón galego e a ría veuse beneficiada pola redución das mareas vermellas. En Arousa, o cultivo ten un impacto socioeconómico moi positivo e por iso resulta tan necesario apoiar ao sector?

-¿Leva a cabo a entidade proxectos de desenvolvemento?

-Estamos inmersos en varios proxectos de I+D+i. Facemos seguimentos de ADN e participamos nun proxecto da UE, no que hai 18 socios de 7 países, para reforzar a trazabilidade dos produtos do mar e loitar contra o fraude. En concreto, nós desenvolveremos novos marcadores de orixe para o mexillón galego. As características do bivalvo son distintas segundo as augas nas que se críe e o que coma. Neste estudo centrarémonos nas diferenzas para que poida distinguirse o noso molusco do que medra noutras augas. Isto é moi importante porque estamos atopando moito híbrido da nosa especie. Existe un aumento do fraude nos produtos do mar en xeral. Tamén intervimos en investigacións que nos permitirán ter maior coñecemento sobre as toxinas emerxentes e en métodos de toxificación para os moluscos. O que precisamos é reforzar os servizos da análise dos nosos departamentos para que, dende o propio sector, poidamos investigar sobre os diferentes aspectos das mareas vermellas.

-¿A investigación sobre as mareas vermellas estase convertendo nunha prioridade?

-Nos últimos anos detectamos unha maior incidencia das mareas vermellas, tanto en intensidade como nas dimensións das áreas afectadas polas mesmas. O sector ten que implicarse para ver que sucede. Debemos dotar de medios ao laboratorio para avanzar na investigación. No 2015 comezamos co proxecto Mytiga, monitorizando o cultivo do mexillón na ría de Arousa para coñecer a causa de fenómenos como o desprendemento, a debilidade ou a falta de engorde e poder mitigalos.