Castelao, principio e fin

RIANXO

Carmela Queijeiro

A homenaxe ao escritor en Rianxo marcou o arranque da carreira do BNG cara os vindeiros comicios

13 ene 2019 . Actualizado a las 20:45 h.

Caraveis, gaiteiros, bandeiras... Castelo como principio e como fin. Rianxo, a orixe cara o 26M. Nese escenario empezou a andar onte o curso político do BNG que vai ter unha dobre cita transcendental na primavera, especialmente para Adolfo Muíños, alcalde dende hai sete anos e medio e que ten a intención de alongarse no cargo outros catro. E foi el, rodeado polas principais representacións da formación nos distintos órganos de decisión galegos, e tamén polos líderes da comarca, a quen lle correspondeu abrir o acto nun paseo da Ribeira que zumegaba nacionalismo. «Castelao, o noso principio e o noso fin» foi a frase coa que empezou a súa alocución «baixo a xanela de Castelao desde a que vía o mar», e tamén «baixo a xanela de Dieste», coa mesma paisaxe da ría.

E moi preto del, uns metros ás súas costas, semellaba que o busto de Castelao escoitaba os parlamentos: como o rexedor explicaba que foi traído desde a emigración de Montevideo no ano 1975, obra do escultor Escudero, para converterse nunha homenaxe permanente ao pai do galeguismo, unha peza fundida por anacos de bronce que representan a dureza da distancia forzada.

Muíños afondou nas orixes das Irmandades da Fala de Bóveda e Castelao como berce do galeguismo, do autogoberno, como xanelas de liberdade que hoxe están ameazadas pola chegada da ultradereita, no ano no que volveu a Galicia A última lección do mestre, que precisamente, para o alcalde, é unha chamada a pechar as portas á intolerancia da que fai bandeira. Como receita, Muíños propuxo facer causa cunha nación galega exercendo como dixo Castelao: «Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma».

Altofalantes da liberdade

Adolfo Muíños puxo de exemplo de tolerancia e de altofalantes da liberdade os concellos gobernados polo BNG, como é o caso do de Rianxo, e como exemplo de servizo á cidadanía en situacións de emerxencia como os incendios e o desemprego; coas axudas á dependencia, a solidariedade cos pobos e coas xentes que morren no mar tratando de buscar un mundo mellor no que vivir: «Non somos meros transmisores doutras Administracións, contables autómatas facendo o que nos mandan sen pensar, sen analizar, sen facer política, porque a nosa veciñanza quere que sexamos altofalantes da liberdade, da xustiza social, do benestar, da defensa da sanidade e de compromiso coa xente», concretou.

Xaneiro é o mes de Castelao, porque naceu un 29 e morreu un 7, motivo polo que Rianxo rende homenaxe ao seu veciño máis ilustre do que, o alcalde, instou a seguir a súa ensinanza «polo compromiso ético que representa, exemplo de entrega ao pobo e á nación galega, pola súa defensa do noso idioma e cultura».

Portavoz nacional

A líder nacional do BNG tomou a testemuña do alcalde de Rianxo. Ana Pontón contou como se emocionou recentemente cando acudiu ao Centro Galego de Bos Aires e tivo ocasión de visitar a habitación na que morreu Castelao, tocar as sabas «porque sentín que alí estaba unha parte de nós», explicou. Pontón subliñou a vixencia do nacionalismo en contra das correntes que queren acabar con el: «O nacionalismo é cosmopolita, non é cosmopaleto. Podemos empezar a cambiar o mundo desde aquí, e iso sabíao Castelao».

A responsable do BNG criticou a aqueles que queren manipular o pensamento de Castelao, sinalando que o rianxeiro é de todos os galegos «menos dos fascistas, menos dos que defenden o machismo, prohiben o uso da nosa lingua e manipulan A derradeira lección do mestre, que quere dicir todo o contrario do que di Feixoo», acusou Pontón ao presidente da Xunta.

Tamén fixo referencias a cuestións locais, especialmente as que teñen que ver coas vindeiras eleccións, facendo un chamamento «a traballar con forza, con convicción e con confianza para fortalecer ao BNG como alternativa a un PP que leva a Galiza ao desastre e para poñer freo á involución democrática».

Nin un paso a atrás

A portavoz falou da loita na defensa dos dereitos das mulleres, advertindo que «non imos dar nin un só paso atrás», momento no que aproveitou para arroupar á concelleira rianxeira Hadriana Ordóñez, que denunciou un caso de agresión sexual que acaba de ser reaberto. Ana Pontón avogou porque se investigue ata o final, con todas as consecuencias.

Para rematar, dixo que o BNG vai seguir defendendo a Galicia, cuestionando a Constitución por ser «un corsé para desenvolver o país», e a monarquía.

Ofrenda floral ao son da marcha do Antigo Reino

O final da celebración que tivo por escenario o paseo da Ribeira de Rianxo foi o depósito dun ramo de flores aos pes do busto de Daniel Rodríguez Castelao que desde hai 43 anos que chegou de Montevideo permanece a poucos metros da que fora a súa casa. O alcalde da vila, Adolfo Muíños, e a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, fixeron a ofrenda, acompañada pola interpretación da marcha do Antigo Reino de Galiza. Tan pronto rematou a homenaxe, cantouse o himno galego a capela polo máis de medio cento de persoas que acudiron ao encontro dos nacionalistas galegos, que corearon «Viva Galiza ceibe» e «Galiza ceibe, poder popular».